As Festas de San Ramón adicarán o último día á parroquia de Lanzós

O día 2 de setembro, as festas de San ramón e Santa María dedican o seu último día de celebración á feira e tamén ao Día das Parroquias. Este día intitucionalizouse hai uns anos e consiste en adicarlle cada ano o día a unha parroquia diferente do Concello seguindo un orde alfabético.

Este ano a parroquia afortunada será Lanzós que ten deseñado o seu propio programa festivo que dará comezo ás 10.30 horas cun pasarrúas a cargo de Buxos Verdes. Sobre as 12.00 terá lugar na igrexa de Santa María unha misa solemne e unha ofrenda. A continuación haberá procesión, presidida polas raíñas das festas, as autoridades ve os veciños de Lanzós. Non faltará a sesión vermú a cargo da orquestra Xacobeo, que se encargará tamén da verbena fin de festa xunto a Panorama.

LANZÓS. San Martiño de Lanzós é unha parroquia situada nun val ao norte de Vilalba. Ten máis de 500 habitantes distribuídos en 39 entidades de poboación.

Dende Santaballa en dirección este, pola estrada que pasa por Curbel e Trastoi, está outra parroquia de Lanzós, diferenciada polo santo ao que se lle rende culto nas respectivas igrexas parroquiais: San Martiño e San Salvador.

O paseo por Lanzós implica a visita á escola habanera do lugar. Promovida pola sociedade El Progreso de Lanzós, foi construida a principios do século XX por iniciativa dos veciños da zona emigrados a Cuba. A construción ten na súa torre un reloxo que lle confire gran vistosidade ao conxunto arquitectónico.

A ruta pola parroquia continuaría no castro de Lanzós, tamén denominado castro do Adro. O asentamento, situado nunha chaira irregular, ten un só muro defensivo, totalmente conservado, e unha fonte no medio.

HISTORIA. O señorío de Lanzós, na Idade Media, tomou parte activa na revolta irmandiña. Aínda se canta un romance que recorda a participación dos de Lanzós na revolta.

Ate hai uns anos explotouse un xacemento de mineral de ferro a ceo aberto no barrio de Ferreira.

PATRIMONIO. A zona conta con restos arqueolóxicos da idade de bronce. Tamén existen restos dun castro con valado de terra no Adro. No lugar do Pazo consérvase parte da vivenda de Afonso de Lanzós, xefe irmandiño.

No mesmo lugar do Adro érguese a Casa-Escola de Lanzós, edificio de planta rectangular de construción habanera rematado en 1921.

LUGARES DE LANZÓS. O Adro, Bichicán, Biduído, Braínlle, Bustelo, As Cádevas, Caldas, Candorca, Carreiroa, Casa Lousada, O Cotelo, O Coto, O Curadoiro, Escairo, Os Febreiros, Ferreira, Ferreiroa, A Fontevella, Ladrela, Os Lagos, Lamelas, Meixonfría, Moreda, Muruxás, A Pallota, Paraños, O Pazo, O Pedrouzo, A Pereira, O Polo, Ramil, Redondo – O Rego, A Revolta, O Ribado, O Sisto, Touriño, Vilagondriz e Vilate

MONUMENTOS. A parroquia conta cunha serie de monumentos que forman parte do patrimonio. Un deles é a Torre de Lanzós, construción e fortaleza medieval, á que hai que sumar o Castelo, hoxe en ruínas.

As igrexas de San Salvador e San Martiño de Lanzós son unha mostra da arquitectura relixiosa.

Etiquetas