Skip to main content
Actualidade

A Xunta inviste 31 millóns e euros en estradas da provincia

Por 3 Setembro, 2018Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda destinou un orzamento de máis de 31 millóns de euros a actuacións de mellora e conservación de estradas autonómicas na provincia de Lugo entre o ano 2017 e o presente 2018.

Balseiro destacou, por unha banda, que neste período a Xunta acometeu 48 proxectos de mellora e conservación de estradas que supuxeron un investimento de case 15 millóns de euros. Algúns deles xa están executados e outros atópanse actualmente en execución ou na fase de redacción do documento técnico da obra.

Por outro lado, explicou que a esta achega hai que engadir as actuacións de mantemento que se realizan a través do contrato de vialidade invernal das Zonas Norte e Sur da provincia de Lugo, que suman un orzamento de 16,2 millóns de euros nas dúas anualidades.

Plan de mellora de estradas

No marco do plan de mellora de estradas, a Administración galega impulsou durante o ano 2017 unha vintena de grandes proxectos na provincia de Lugo, que mobilizaron un investimento de 6,3 millóns de euros. A maior parte dos recursos foron destinados aos proxectos de reforzo de firmes.

Entre eles, destacan pola súa contía as obras de mellora que executou a Xunta na estrada LU-621 entre A Pobra de San Xiao (Láncara) e Baralla (1,2 millóns de euros). Un investimento similiar a este último supuxo a actuación na LU-124, tramo Lindín (A-8)– Cruz da Cancela, que beneficia aos concellos de Mondoñedo, Riotorto, A Pontenova e A Pastoriza. Dada a súa envergadura, esta obra segue en execución na actualidade. Pola súa banda, as obras da LU-612 entre Lousada e Ferreira (Portomarín), foron obxecto dun investimento de preto dun millón de euros o ano pasado.

Durante o presente ano 2018, a Xunta promove 28 grandes proxectos de mellora de estradas lucenses, cun orzamento de 8,5 millóns de euros. A maior parte do investimento vai dirixido a actuacións de rehabilitación de firmes de vías (5 millóns).

Entre as obras financiadas con cargo a este orzamento, destacan pola súa contía as da estrada LU-133 Reme-Vilamar, entre Barreiros e Ribadeo (1 millón de euros); a rehabilitación da LU-642 entre Oural e Ferrería do Incio (máis de 600.000 euros) e a construción de dúas rotondas en Monforte de Lemos, na LU-664 (máis de 300.000 euros).

Balseiro sinalou que actualmente están en fase de licitación tres actuacións. Unha delas é a da LU-124 entre Riotorto e Vilameá (A Pontenova), cuxa execución completará a renovación integral da estrada que une A Pastoriza, Mondoñedo, Riotorto e A Pontenova e que ten un orzamento de 604.000 euros.

A segunda actuación en fase de contratación é a primeira fase da obra na estrada da Gañidoira (LU-540), cun investimento de 457.000 euros e que beneficiará aos concellos de Viveiro, Ourol, Muras e Xermade.

Por último, o delegado referiuse ás melloras na autovía Ferrol-Vilalba (AG-64), para a que se destinan 337.000 euros e que están tamén en proceso de licitación.

Futuras actuacións

Adicionalmente aos investimentos anteriores, e como previsións de futuro o delegado territorial destacou algúns dos proxectos de maior envergadura que ten en marcha a Consellería de Infraestruturas e Vivenda na provincia de Lugo. Balseiro subliñou que a Xunta ten previsto acometer o desdobramento do corredor Lugo-Sarria, que suporá converter en autovía un tramo de 11,5 quilómetros entre A Pobra de San Xiao (Láncara), O Páramo e Sarria. O orzamento estimado para esta obra é de 23 millóns de euros.

Balseiro explicou tamén que a Consellería mellorará 19 quilómetros da LU-631 entre Friol e Palas de Rei, cun orzamento estimado de 6 millóns de euros; e ten actualmente en período de licitación a reforma da LU-651 entre Folgoso e Seoane en cuxa primeira fase está previsto investir 2 millóns de euros.

Finalmente, o delegado subliñou que hai reservados 4,5 millóns para a conexión do porto seco de Monforte de Lemos coa estrada N-120.

Plan de mantemento e vialidade invernal

A estes recursos hai que engadir o investimento anual no plan de mantemento e vialidade invernal, a través do cal a Xunta executa obras de conservación e mantemento de estradas e o plan especial durante o inverno.  O dispositivo posto en marcha o ano pasado estivo operativo dende o 1 de novembro ata o 30 de abril e mobilizou a 118 profesionais e 1.740 toneladas de reservas e fundentes (sal e salmoira).

Dentro das actuacións promovidas pola Consellería na provincia destaca así mesmo o plan de sendas, que permitirá crear seis novos itinerarios peonís e ciclistas en Lugo: LU-633 Camiño Francés en Portomarín (1Km), LU-612 Antiga estrada a Santiago Toiriz (Lugo 1,9 km), LU-107-127-111 en Rábade, Begonte (2,5 Km), LU-115 en Outeiro (1,3 km), LU-231 en Friol (0,6Km) e LU-621 en Láncara (0,5Km)