A Xunta louba o programa de conciliación de Outeiro de Rei

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou a importancia da conciliación da corresponsabilidade para acadar unha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, xa que o fomento da conciliación é un dos piares fundamentais da política de igualdade do Goberno galego.

Alfonso Rueda, acompañado da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e do alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, coñeceu de primeira man o programa de conciliación familiar e de apoio á educación, posto en marcha polo concello e que conta cunha axuda da Secretaria Xeral da Igualdade por importe de 12.000 euros.

A Xunta colabora cos concellos e apoia as iniciativas de fomento da conciliación polas cales máis de 80 concellos se teñen beneficiado destas axudas, dos cales 14 son da provincia de Lugo, cun importe total de subvención de máis de 125.000 euros. De feito, ao longo deste ano ampliarase o crédito chegando case ata o 800.000 euros para apoiar aos concellos galegos na posta en marcha deste tipo de iniciativas para fomentar a conciliación.

A Xunta segue traballando neste eido, aprobando este ano o Plan de Conciliación e Responsabilidade, que inclúe un cento de medidas concretas, e que converteu á nosa comunidade en pioneira neste eido sendo a primeira en contar cunha ferramenta destas características. O Plan recolle a equiparación progresiva dos permisos de maternidade e paternidade na Administración autonómica, un permiso adicional de catro semanas máis en caso de parto e a consolidación da rede de escolas infantís, do Bono Concilia, do Bono Coidado e de todas aquelas medidas que favorecen este obxectivo.

Etiquetas