Riotorto humanizará a área recreativa de Ferreiravella

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), achegará 40.000 euros ao concello de Riotorto para humanizar a área recreativa de Ferreiravella. O director de Agader, Miguel Pérez Dubois, xa asinou co alcalde, Clemente Iglesias, o convenio de colaboración que permitirá renovar esta infraestrutura rural deste concello lugués.

Trátase dun proxecto senlleiro cos que Agader cumpre un dos seus obxectivos, o de promover a cooperación entre axentes públicos e privados que incidan no desenvolvemento das zonas rurais. A través deste tipo de iniciativas a axencia dependente de Medio Rural quere facer máis atractivo o campo galego, mellorar a calidade de vida dos seus veciños e así fixar poboación nas áreas rurais. Está especialmente interesada  no acondicionamento ou creación de infraestruturas de lecer orientadas a ofertar unha maior gama de servizos aos cidadáns.

En concreto, o convenio de Riotorto prevé a adecuación do acceso e rasanteo de base do aparcamento, a pavimentación da zona de visitantes, a mellora e reparación do equipamento e obras para garantir a seguridade de todo o entorno e os seus elementos.

Etiquetas