Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PSOE de Vilalba di que o alcalde incumpre a ordenanza sobre peche e desbroce de solares

Por 14 Setembro, 2018Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista vén de acusar ao alcalde Agustín Baamonde de incumprir a ordenanza que regula a limpeza e o peche dos solares no núcleo urbano de Vilalba, unha normativa que segundo sinalan os socialistas “propuxo el mesmo”.

Así pois, son moitos os solares da zona urbana que a piques de rematar o periodo estival continúan sen desbrozar e sen pechar, o que supón “un agravio comparativo con aqueles propietarios que si fixeron o necesario para cumprir a normativa municipal”, sinalan desde o PSOE. Ademais, apuntan que non se trata só dunha cuestión estética, “senón tamén de salubridade das zonas e as contornas implicadas”.

O grupo socialista afirma que “se teñen dirixido a nós veciños das inmediacións da rúa Pepe Apenela, onde o abandono de certos solares é preocupante, así como da rúa As Pontes, advertindo que hai ratas e outro animais sen control”, polo que os socialistas subliñan que esta situación “causa un efecto nocivo para as condicións de salubridade das zonas urbanas, e polo tanto, das condicións de benestar da veciñanza”.

O PSOE de Vilalba solicita do Concello que, chegado o caso de que os propietarios ou propietarias dos solares sen limpar e pechar non cumpran coas súas obrigas, sexa o  propio Concello o que se encargue da limpeza e consecuentemente se lles pase o cobro. Recordan que neste senso “xa presentamos iniciativas plenarias das que, como é habitual, o alcalde fixo caso omiso, polo que esperemos que nesta ocasión Baamonde cumpra co seu deber”.