Os ferreiros dos Vilares

Por Raúl Río

Na parroquia de Díaz Castro houbo moitos canteiros, como xa deixou constancia Antón de Guizán nas páxinas deste mesmo periódico, o que facía necesaria a labor dos ferreiros para apuntar e fabricar as súas ferramentas.

O ferreiro mais antigo do que temos noticia é Lourenzo Losada, que tiña a súa forxa na aldea de A Tiñaz, na casa que aínda se coñece como a Casa do Ferreiro. Pola súa forxa pasarían todos os veciños da parroquia, pois naqueles tempos todos os apeiros de labranza eran obra dos ferreiros; ferreiros que sabían dar o tempero necesario a cada ferramenta, observando como por maxia o roxo vivo do aceiro quente se ía convertendo nun azul violeta ao metelo na auga fría, dependendo das veces ou do tempo que eles crían necesario para conseguir a cor correspondente á dureza do aceiro. Estaba casado con Mari Pepa, da casa de Ciprián de Liñarede,  pero non tiñan fillos e a mediados dos anos 30 do século pasado púxose mal da cabeza, volvéndose moi violento. Din que nunha ocasión tivo que subir Salvador de Lagares, amodiño polas escaleiras e collelo por detrás para reducilo, cando estaba ameazando aos veciños con unha escopeta desde a fiestra. Despois tiveron que recluílo no cuarto da casa, amarrándoo con unha cadea que pasaba por un furado que fixeron nas táboas para poder atala a unha viga de debaixo do piso. Rematou os seus días nun psiquiátrico  de Salamanca e, ao morrer, Mari Pepa vendeu o lugar aos veciños e a casa a Antonio de Carreira e foise para Bos Aires.

A labor que desempeñaba Lourenzo tivo continuación en Serafín López, da casa de Sabugueiro de Malde, quen soia dicir con sorna: Nunca te metas cun ferreiro, que é capaz de facer calquera cousa! Empezou a traballar nun pequeno espazo que aínda se pode ollar entre o bonito e centenario pozo comunal da aldea e o hórreo, ademais, aproveitando o encoro do muíño que a súa casa de Sabugueiro tiña no río Xarondo, entre o Porto de Mende e o Porto de Malde, fixo un canal e instalou unha moa para afiar as ferramentas. Mais tarde foise para a vila de Parga, onde montou a Ferretería Serafín, que aínda goza de boa saúde.

Na aldea da Reboira tiña fragua Ánxel Gómez, da casa do Larizo, que facía e reparaba as ferramentas de todos os lugares que bordean o Cordal de Montouto, aldeas nas que non tiña competencia algunha, pois a forxa mais achegada era a de Xosé Lobeiras, mais coñecido como O Armeiro de Berulfe, un milmañas autodidacta ao que o mesmo lle daba sacar moas con unha dentuza deseñada e fabricada por el mesmo, que reparar escopetas ou facer fotografías na Feira de Parga coa súa máquina Leica, pero el so se dedicaba a forxar as pezas que necesitaba para os seus amaños e non para a veciñanza.

Ignacio Rodríguez, da casa de Sabugueiro que está cabo do Cancelo, era outro artimañas que reparaba todo tipo de máquinas e ferramentas: Máquinas de coser, motores, máquinas de mallar, ou pistolas. Contan que cando xa estaba encamado e moi maliño, oíu o ruído dun motor que estaba mallando e dixo: Ese motor vai parar. E así foi ao pouco tempo, polo que pediu que o levaran ata a aira nunha padiola e despois de dar as ordes oportunas do que tiñan que facer, o motor volveu mallar. Na primeira metade do século pasado case todos os veciños tiñan pistola, pois había un forte enfrontamento entre os dos Vilares e do Buriz, con constantes pelexas cando quedaban nun adro ou noutro á saída da misa, con gadañas, eixadas e outras ferramentas de labranza, chegando incluso a morrer un do Buriz dunha pedrada, e eran Ignacio e O Armeiro os que poñían a punto as armas dos dous bandos, facendo incluso na forxa as pezas necesarias. Os do Buríz levábanllas a Ignacio por estar mais cerca, e facíano de noite para que os dos Vilares non souberan que lles reparaba as armas ao inimigo. 

Ánxel Calvo, de Lindeiros, tivo a súa forxa en Vilasuso mentres estivo na casa de Piñeiro, pasando despois ó Barreiro, cando fixo alí a súa casa, pero os que mais se dedicaron a ese oficio foron Anxel Iglesias, da casa de Carreira da Tiñaz e Arturo Ansede, da casa de Meao das Reixas. Ánxel aprendeu o oficio na casa de Vilariño de Campoverde do Buriz, cos irmáns Xosé e Domingo, e rexentou durante moitos anos a antiga forxa da Casa do Ferreiro da Tiñaz, que mercou seu pai ao morrer Lourenzo Losada e deixou de traballar nese oficio cando en 1962 emigrou a Bilbao. Os dous traballaron durante bastante tempo apuntando as ferramentas na canteira que os Monteros de San Salvador tiñan no lugar da Locencia e os dous afiaban os gadaños, coitelos e fouciñas, na moa da que falamos anteriormente e que xa montara tempo atrás Serafín de Malde no río Xarondo.

Arturo foi o último Vulcano da parroquia. El pechou a última fragua e con el desapareceron as forxas onde tantas veces vin soldar por caldeo -a forma mais primitiva de soldar aceiro- para calzar o ferro dun arado ou o aceiro dun gadaño, utilizando unhas pastillas de color chocolate, compostas por ácido bórico e sal de amonio entre outros ingredientes químicos.

Etiquetas