Rematan as obras dos accesos á praia fluvial de Baamonde

O Concello de Begonte finalizou xa as obras de reforma do pavimento e de construcción das beirarrúas no tramo da estrada entre o núcleo de Baamonde e a praia fluvial. Trátase dunha obra valorada en 50.000 euros na que a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Turismo aportou 39.000 e o Concello 11.000 euros.

Esta era unha obra de gran importancia ao ser unha ruta alternativa do Camiño de Santiago polo que pasan por aí moitos peregrino ademais da xente que se achega á praia fluvial, en especial durante o verán. O motivo desta obra foi aumentar a seguiridade dos peóns.

Ademais tamén se arranxou o sistema de recollida de augas pluviais para evitar inundacións.

Por outra banda, o Concello tamén rematou a obra de ampliación do saneamento na parroquia de Carral, no barrio do Marco, por un importe de 39.000 euros, subvencionados pola Xunta de Galicia con cargo ao Fondo Ambiental. “Esta foi unha axuda importante para o Concello polo seu elevado custe”, indicou o alcalde de Begonte, José Ulla.

“O noso compromiso é seguir ampliando a rede de saneamento na zona rural, malia o problema que supón ter as vivendas tan alonxadas unhas das outras o que ten un custe económico importante e dificulta a xeralización dos traballos”, explicou.

Por outra banda, o alcalde anunciou tamén que nos próximos días se adxudicarán as obras de remodelación da praza do Concello.

Etiquetas