Arrinca unha nova edición do Festival de Teatro de Begonte

Un ano máis, e xa van seis, a Asociación Castiñeiro Milenario organiza o Festival de Teatro de Begonte, que contará con tres representacións entre outubro e novembro.

A primeira das obras terá lugar o sábado 22 de setembro, ás 18:00 horas na casa do pobo da Asociación Veciñal do Casro. Trátase da repesentación de Manancial de Fantasía, de Alentía Teatro. Esta obra está dirixida a un público infantil e familiar. Conta a historia dun mimo que non pode entrar no mundo da fantasía. Unha reflexión sobre o reparto das tarefas no fogar, o cambo climático, a importancia da lectura ou da discriminación das persoas diferentes a nós.

A seguinte obra está programa para o sábado 20 de outubro, ás 19:00 horas na Casa da Cultura de Begonte. Será o Grupo de Teatro, A Mariña, coa obra, Eres único: Teatro contra o bullying, obra para maiores de 8 anos. Peza en catro actos, na que o acoso escolar é o eixo común a todos eles. Unha reflexión sobre os diferentes tipos de acoso escolar e a importancia de non quedar indiferentes ante el.

Pechará o ciclo Marionetas Trécola coa representación de Xogo Revolto. Trátase dunha historia sobre as diferentes personaxes que poden aparecer nunha situación de acoso e as ferramentas para poder facer fronte a esas situacións cada vez máis presentes nas escolas e na sociedade. Dirixida a un público infantil. Esta obra aínda non ten data definitiva.

Como en edicións anteriores, todas as representacións do ciclo son de balde. Ademais, dúas das obras están dentro do programa Buxiganga da Deputación de Lugo.

Etiquetas