Beatriz Maceda presenta o seu novo libro en Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o vindeiro venres, 21 de setembro de 2018, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán, de Beatriz Maceda Abeleira, publicado pola Editorial Trifolium, na colección Nemo.

No acto intervirá a propia autora do libro, Beatriz Maceda Abeleira; Carmen Ollero Novo, técnica de Promoción e Xestión de Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela, e a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro. 

Un ano despois do 150 aniversario da morte de Valle Inclán, Maceda homenaxea, desde a ficción, a figura de Valle Inclán que en parte se reconstrúe neste libro: algo patente desde a súa estrutura, que evoca as sonatas, pasando pola presenza recorrente da sombra que proxecta Luces de bohemia ou a idea central que paira en todo o libro de entender o teatro como un elemento valioso para a propia vida e para o espírito crítico. A isto, súmase a relevancia depositada na lectura e nos libros, de mans dadas co mundo da imaxinación que conduce á presenza do fantástico, que latexa por veces a través dos espellos cóncavos e convexos, tanto nun pazo arousán como no rueiro do Gato madrileño, malia que ás veces só estea na mente do protagonista porque, en efecto, non sempre todo é o que parece e, no fondo, todos temos moitas máscaras de ficción coas que andamos polo mundo. Sen abouxar, con tento e fortuna, a autora espella aquí e acolá diversos focos de indubidable interese narrativo que se encerran nunha proposta solvente á que lle desexo feliz andaina.

Etiquetas