Skip to main content
A PastorizaActualidadeAgro TERRACHÁXA

Unha explotación da Pastoriza desenvolve un programa de investigación leiteiro

Por 19 Setembro, 2018Sin comentarios

Gandaría Patalarga é unha explotación de vacún de leite do Concello da Pastoriza está a desenvolver un programa para a valorización do leite producida tanto en explotacións ecolóxicas como convencionais. En concreto, este estudo que comezou xa no 2016, afonda na relación entre a dieta dos animais e a calidade do leite, así como na sustentabilidade ambiental e económica das explotacións. O obxectivo final é concluír modelos de manexo do gando con diferente grao de intensificación.

Este programa é desenvolvido na gandaría Patalarga, da Pastoriza, polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite (Ligal), o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da propia consellería, e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca). Para levalo a cabo contan cunha axuda de 108.576,9 euros desta orde de axudas de Medio Rural.

Trátase dunha explotación de gando bovino, dedicada á produción de leite na parroquia da Guarda (A Pastoriza). A explotación, de carácter familiar, produce uns 450.000 litros de leite anuais, cun rabaño de 83 animais dos cales 62 son vacas adultas e o resto recría. Ten unha superficie de 47 ha dedicadas, todas elas, á produción de herba. Deste xeito, pode practicar o pastoreo durante case todo o ano, salvo durante tres meses de inverno, nos que as vacas estabuladas aliméntanse de herba das praderías da propia explotación.

Este tipo de ganderías están recoñecidas como un exemplo para outras explotacións, xa que grazas á súa base territorial logran reducir os custos de produción e tamén teñen o relevo xeracional garantido, xa que o fillo dos titulares é enxeñeiro agrónomo e está realizando un doutorado no CIAM.