Skip to main content
Actualidade

Unha mostra conxunta recolle o traballo de doce artesáns da Chaira

Por 19 Setembro, 2018Sin comentarios

A Deputada de Cultura, Pilar Garcia Porto, inaugurou este martes, na Capela de Santa María, a mostra “Cos pés na terra”, unha colección que recolle o traballo de 24 zoqueiros e galocheiros lucenses, e na que se fai unha revisión do legado destes artesáns coa presentación de zocas, pezas e ferramentas con medio século de antigüidade. No acto estivo acompañado polo director do proxecto, Jose M. Salgado, Alcaldes da Provincia, así como todos os zoqueiros que participaron na mostra e que recibiron un diploma de recoñecemento da súa traxectoria profesional.

García Porto remarcou que “o Goberno da Deputación quere amosar ao mundo o peso que tivo noutro tempo o oficio de zoqueiro no conxunto da provincia, e do que aínda se poden extraer moitas leccións importantes. Esta mostra, recolle pezas e as ferramentas de 24 artesáns dos Concellos de Alfoz, a Fonsagrada, Pastoriza, Cervantes, Cospeito, Castro de Rei, Guitiriz, Navia de Suarna,Valadouro e Vilalba”.

A Deputada explicou que “esta colección, que estará aberta ata o 25 de novembro, é un verdadeiro homenaxe a todos e cada un dos artesáns desta provincia que co seu traballo fixeron que este oficio sega perdurando no tempo. Nesta mostra o visitante coñecerá aos zoqueiros e galocheiros veteráns a través dos retratos realizados por Jose M. Salgado. Ademais, hai un audiovisual sobre a elaboración dunha zoca, tamén hai espazo habilitado para probar zocas e por suposto facerse un autorretrato”.

Por último sinalou que “dende o Executivo Provincial estamos moi satisfeitos de presentar este proxecto co obxectivo de promover, recuperar e revalorizar os oficios tradicionais como sinais de identidade e atractivo da provincia”, dixo García Porto.

Lugo, de terra de zoqueiros

O investigador Jose M. Salgado realizou un traballo para coñecer de primeira man o legado dos zoqueiros na nosa provincia. Mediante este proxecto constatou que o calzado tallado en madeira atopase en moitas partes do mundo e particularmente en Europa, onde predomina a climatoloxía atlántica e os invernos húmidos. Algún exemplos deste calzado son os sabots franceses, os klompen holandeses, e naturalmente, as zocas galegas ou madreñas asturianas. A súa orixe é escura as zocas máis antigas conservadas ata agora datan no s. XIII, e aparecen en Amsterdan e Rotterdam. Ata non hai moito tempo as zocas eran calzado obrigado na agricultura, nas minas ou nos portos, e en moitos países asociase ademais dun modo especial coas clases traballadoras.

En terras hispanas as zocas ou madreñas ou albarcas estiveron presentes na cultura tradicional ata hai poucos anos. E en Galicia, con variantes comarcais debidas a modismos ou ao estilo que desenvolvían algúns artesáns, foron utilizadas desde o nivel do mar, nos labores portuarios ata na alta montaña luguesa. A provincia de Lugo, especialmente foi a terra de zoqueiros por excelencia. Seguramente debido á existencia de comarcas proclives aos chans permanentes húmidos e a abundancia de bidueiros, a arbore de onde se obtiña a materia prima, como é o caso da Terra Chá.

Mestre Artesán da Provincia

Os artesáns que conforman esta exposición son unha pequena mostra do peso que tivo noutro tempo o oficio de zoqueiro no peso da provincia, e do que aínda se poden extraer leccións moi importantes. Os 24 que participaron nesta mostra recibiron un diploma como Mestre Artesán da Provincia, en recoñecemento ao seu traballo e sobre todo ao seu legado. Da Terra Chá foron doce os escollidos:

  • Xose Vázquez Ocampo (Vilalba, 1945)
  • German Anllo Falcón (Cospeito, 1926)
  • Norberto Piñeiro Pernas (Vilalba, 1926)
  • Abel Losada López (Guitiriz, 1936)
  • Gonzalo Teijeira Abelleira (Castro de Rei, 1929)
  • José Morán Anllo (Cospeito, 1935)
  • Benjamín e Plácido Souto Gato (Vilalba, 1920 e 1924)
  • Francisco García Carreiras (Cospeito, 1943)
  • Francisco Morán Crecente (Cospeito, 1935)
  • Benedicto Seivane Rivas (Pastoriza, 1931)
  • Leonardo Villamel López (Pastoriza, 1928)
  • Ramón Carreira Carreira (Vilalba, 1941)