O BNG provincial non apoiará os orzamentos da Deputación se “non se cumpren os acordos pendentes”

O voceiro do BNG na Deputación de Lugo informou que levará a Pleno unha iniciativa para que o goberno da Deputación inclúa nos orzamentos do ano 2019 as partidas económicas necesarias para facer fronte aos acordos plenarios pendentes de execución. Segundo explicou Xosé Ferreiro “é unha constante que o actual equipo de goberno faga caso omiso, de xeito sistemático, dos acordos que toma o Pleno, sobre todo naqueles casos que supón algún tipo de gasto económico ou de traballo especial dalgunha das delegación do goberno”.

Ferreiro sinalou que o BNG aproveitará a presentación do proxecto de orzamentos para o ano 2019 para “intentar forzar ao goberno da Deputación a que inclúa nese proxecto todas as partidas económicas necesarias para facer fronte a todos e cada un dos acordos tomados a iniciativa do BNG”. A inclusión das partidas debe estar “blindada pola vía das bases de execución, cuestións sen a cal non contará co voto favorable do BNG, procedendo a presentar as correspondentes emendas a tal efecto” afirmou Ferreiro.

Para o BNG resulta “moi curioso” que moitos destes acordos contaron co voto favorable do propio grupo político do goberno, non facendo absolutamente nada a continuación para o seu cumprimento. Xosé Ferreiro sinalou que “en moitos destes casos os grupos da oposición atopámonos impotentes para poder dar conta dos incumprimentos dos gobernos a respecto destes acordos plenarios”. As distintas reformas que foron facendo os dous partidos maioritarios a nivel de estado foron convertendo aos alcaldes, e por extensións aos gobernos das deputacións, e auténticos reis absolutos nos seus espazos de actuación, facendo que os respectivos plenos se convertan en irrelevantes na maioría das cuestións que importan á cidadanía.

Os acordos incumpridos:

  • Programa de visitas dos escolares da provincia aos museos pertencentes á Rede Museística Provincial.
  • Mellora do trazado e do firme da estrada entre Navia de Suarna a Fonsagrada.
  • Financiamento da parte que lle corresponde á Deputación para a construción dun rocódromo na cidade de Lugo.
  • Mantemento do servizo e do carácter público do servizo de catamaráns dependente desta Deputación.
  • Instauración dunha liña de axudas aos concellos que elaboren un plan de conciliación da vida familiar e laboral fóra do horario escolar.
  • Continuación do “paseo do rato” ata a Campiña e ata o nacemento do río Rato.
  • Financiamento da residencia de maiores de Sarria ao igual que o resto de residencias municipais ou construídas pola Deputación de Lugo por convenios cos concellos.
  • Restauración da “Casona“ do Incio conservando a súa estrutura actual.
  • Financiamento por parte da deputación da parte que lle corresponda para a construción dun novo pavillón de deportes en Burela.
  • Programa de acceso de todas as nenas e nenos en idade escolar da provincia de Lugo ás piscinas climatizadas existentes na provincia.

SUPLUSA

Por outra banda, o voceiro do BNG na Deputación de Lugo informou que, no pleno que se celebrará mañá, martes, defenderá unha iniciativa para promover a disolución de xeito inmediato da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA). Xosé Ferreiro explicou que “a disolución leva consigo de forma inseparable a asunción por parte da Deputación de todos e cada un dos compromisos que tivera adquirido esta sociedade, sobre todo no referente ao persoal tanto en activo como o seleccionado para traballar nas residencias da Deputación”.

Asi mesmo o BNG propón, tamén, que de xeito paralelo ao proceso de disolución, formarase unha comisión coa participación de todos os grupos políticos do Pleno, para poñerse a traballar na constitución dun novo medio propio que estea realmente ao servizo da Deputación e que axude a mellorar os servizos que esta institución pode ofrecer aos concellos e ás veciñas e veciños.

Ferreiro lembrou que os conflitos comezaron no momento no que “as liortas internas do PSOE crearon unha bicéfala que nunca debeu existir e o PP quixo aproveitalo para conseguir réditos electorais”. “ O PSOE nunca debeu promover que a presidencia de SUPLUSA fose diferente da presidencia da Deputación, foi unha irresponsabilidade” afirmou Ferreiro e engadiu “tanto o PSOE como o PP están utilizando as residencias e a SUPLUSA como unha ferramenta electoralista e nós non estamos dispostos a participar nese xogo”.

“A situación na que se atopan as máis de 60 persoas que foron seleccionadas no seu día para traballar nas residencias da Deputación tamén merece unha mención especial” dixo Xosé Ferreiro e indicou “vai ser moi complicado que SUPLUSA poida asumir este compromiso de contratación, sendo perfectamente conscientes que a única solución que lles queda para poder incorporar a estas persoas ao posto de traballo para o que foron seleccionadas sería que a Deputación asumise todos os compromisos de SUPLUSA, incluíndo por suposto ao persoal, tanto o que esta é activo como o que xa está seleccionado para traballar”.

Etiquetas