Biciclistas Galegas superan con éxito a súa participación na Powerade Non Stop

A extrema climatoloxía, con temperaturas que superaron os 40º, fixo durísima a sexta edición da Powerade Non Stop Madrid-Tajo Internacional-Lisboa by MRW, unha das máis duras da historia según a organización e na que participaron Biciclistas Galegos.

Nesta ocasión foi unha edición con récord de participantes (máis de 800) e algúns nomes tan coñecidos como os dos ciclistas Paco Mancebo e Moisés Donas, o  futbolista Roberto  Solozábal, o  xogador de baloncesto Iñaki de Miguel, o  xogador de balonmán Samuel  Trives e o xornalista televisivo Antonio Lobato.

Moito menos coñecidos pero coa mesma ilusión dous equipos de ciclistas da Chaira viaxaban ata Madrid para completar en bicicleta de montaña e por relevos, os 770 km e máis de 10.000 metros de desnivel acumulado que unen a capital con Lisboa. Para iso, ambos os dous equipos empregaron un tempo de 46 h e 30´ que os colocou nun meritorio posto 122 e 123 da xeral,  51 e 52 da categoría de equipos de catro e no posto 11 na categoría de equipos mixtos.

Os equipos Biciclistas Galegos e o CC Terra Chá disputaron xuntos as 10 etapas do reto. A máis dura foi a número 7 entre Cedillo e Ponte do Sor onde a temperatura e dureza do recorrido puxeron a proba as súas capacidades físicas e mentais. Tamén foron complicadas as etapas nocturnas que engaden complexidade á navegación por gps.

A carreira foi seguida a través da web ata que, por problemas técnicos, deixou de actualizarse situando aos nosos deportistas detidos nalgún punto entre Coruche e Lisboa na madrugada do sábado 22.

“Foron momentos de incertidume para os nosos familiares e amigos  ata que puidemos contactar con eles” cometan os participantes.

Pasado o susto, o domingo pola mañán chegaban á meta a Lisboa onde degustaron productos típicos da Chaira. Non faltou o queixo de San Simón e os chorizos do José Manuel que compartiron con algúns dos participantes doutros equipos.

Etiquetas