O BNG pedirá no Pleno a reprobación e dimisión do alcalde de Outeiro de Rei

O voceiro do BNG no concello de Outeiro de Rei, Xosé Ferreiro, presentou unha iniciativa para que o Pleno do Concello reprobe ao Alcalde, José Pardo Lombao, por mentirlle á Valedora do Pobo e, como consecuencia disto solicítalle a súa inmediata dimisión do cargo que ostenta.

Ferreiro sinalou que “é unha obriga ineludible para un cargo público dicir sempre a verdade, máxime cando é por escrito e a unha entidade que debería ser respectada por todos e todas como é a Valedora do Pobo” e afirmou que “neste caso, pódese comprobar dun xeito totalmente obxectivo que o Alcalde de Outeiro mentiu dun xeito descarado no escrito de contestación a este organismo ante a queixa que presentara o BNG por non darnos acceso a documentación de xustificación de dietas por desprazamento do Alcalde e Tenente de Alcalde”.

Para o BNG esta mentira ademais tiña como único obxectivo “o de intentar tapar as “chanchulladas” e “cacicadas” que se fan co cobro de dietas de desprazamento no concello de Outeiro de Rei por parte do Alcalde e Tenente de Alcalde”.  Este tipo de actitudes son sempre deplorables en calquera persoa, pero moito máis nun cargo público como é un Alcalde que debe xestionar tanto os intereses como os recursos das persoas que dependen da Administración que preside.

Etiquetas