As Pontes celebra o domingo o Día da Bicicleta

O Concello de As Pontes, en colaboración coa Voz de Galicia organiza, este domingo, 7 de outubro, unha nova edición do Día da Bicicleta, co obxectivo de promover a vida saudable e a práctica deportiva entre todos os veciños.

A celebración comezará ás 11:00 horas coa concentración, diante do Concello, dos participantes que tomarán a saída media hora máis tarde para pasear polas rúas da vila e realizar un percorrido de 8 quilómetros que os levará pola Avenida de Ferrol, a Avenida da Coruña, a Avenida da Habana, a Rúa Celso Emilio Ferreiro, a Avenida de Villalba, e a de Ortigueira para continuar polas rúas Monte Caxado e Constitución cara a AC-101 en dirección ó lago.

Neste punto do percorrido haberá un posto de avituallamento onde os participantes poderán realizar un pequeno descanso para proseguir o paseo pola Avenida das Veigas, a Avenida de Galicia, a rúa Real e a rúa da Balsa cara a Avenida de Galicia para seguir pola Avenida Castelao e a Avenida de Ortigueira, rematando o percorrido diante do Concello.

O concelleiro de Deportes e Xuventude, Jesús Tembrás, anima a todos os veciños a participar nesta iniciativa, pensada para toda a familia. “ É un paseo tranquilo, sinxelo, axeitado para calquera idade, non competitivo, no que todos os participantes poderán gozar dos beneficios do uso da bicicleta e das rúas da vila”

As persoas interesadas en participan no Día da Bicicleta de As Pontes poden recoller as follas de inscrición no rexistro municipal ou na delegación da Voz de Galicia en Ferrol. As inscricións cubertas deberán entregarse, o domingo, no punto de inscrición habilitado diante do Concello.

Entre todos o inscritos realizarase o sorteo de seis bicicletas, material escolar, vales por valor de 50 e 20 euros  e moitos máis  agasallos.

Etiquetas