Estudantes estudan unha empresa de Outeiro de Rei como un modelo de éxito no rural

Un total de 19 mozos da ESO do IES de Navia de Suarna visitaron este empresas lucenses de éxito no rural para fomentar e impulsar o emprendemento na provincia. Fixérono acompañados polo Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, e ao abeiro do Campus de Emprendemento Sostible, unha pioneira iniciativa da Deputación de Lugo, coa que alumnos da provincia reciben formación e asesoramento gratuíto para crear as súas empresas, aproveitando os recursos de xeito sustentable.

Fernández Queipo, xunto aos estudantes, comezaron a xornada visitando Vida de Aldea, unha explotación gandeira, principalmente láctea, de Outeiro de Rei, que traballa nun proxecto de impulso ao medio rural e de implicación directa do consumidor cos produtos agrogandeiros para tentar eliminar intermediarios con motivo da baixa do prezo do leite. De seguido, continuaron a xornada visitando o obradoiro de Idoia Cuesta, unha recoñecida artesán afincada en Lugo de cestería e téxtil, que traballa e colabora con marcas a nivel internacional tan prestixiosas como Loewe ou Sara Coleman… Cuesta explicou que o seu modelo de negocio baséase na xeración de pezas contemporáneas e fusión téxtil, a través da combinación de materiais orgánicos recuperando e aproveitando técnicas totalmente artesanais. A deseñadora afondou tamén no feito de que a natureza e á paisaxe que a rodea no seu día a día os bosques, o río Miño, os cultivos, as terras, as cegoñas e os seus niños son unha das súas principais fontes de inspiración, que a impulsan a realizar pezas sustentables. Para finalizar, os alumnos foron ao obradoiro Xaneco, un taller que comezou a súa actividade de construción de instrumentos musicais de que respondesen ás necesidade dos profesionais do sector. O xerente explicou que emprega técnicas clásicas de creación, baseadas en amplos estudos, con outras innovadoras que buscan adaptar o instrumento a cada músico. Son todos instrumentos de percusión tradicional e zanfonas     

Fernández Queipo explicou que “dende o Goberno da Deputación defendemos vivir no rural e do rural, por iso traballamos cada día para conseguir xerar novas oportunidades de negocio, aproveitando os recursos dos que dispomos de xeito sostible. É por iso polo que ofrecemos este plan, enfocado neste caso aos mozos, aos que ofrecemos formación, asesoramento individualizado e coñecemento sobre iniciativas empresariais e modelos de negocio de éxito na provincia de Lugo. Pero ademais, completamos esta formación con visitas in situ como a de hoxe, na que os mozos coñecen distintas empresas que dan bo exemplo de que o rural lucense ten moitas potencialidades”.

O Campus de Emprendemento Sostible é unha iniciativa formativa e de asesoramento que puxo en marcha a Deputación de Lugo co fin de buscar novas oportunidades no rural. Deste xeito, dende a súa posta en marcha, foron case 500 as persoas de todas as idades que recibiron esta formación de xeito totalmente gratuíto, que produciron a creación de 21 novas empresas na provincia.

A Deputación ofrecerá durante o vindeiro ano Campus de Maduración da Idea Empresarial, incluído no Campus de Emprendemento Sostible, dirixido a persoas que xa teñen avanzada a súa idea de negocio. É un campus de asesoramento sobre viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental ou económica-financeira para que poidan, finalmente, pór en marcha os seus negocios.

Etiquetas