O Concello de Vilalba construirá antes de final de ano 9 puntos de recollida de plásticos agrícolas

O Pleno do Concello de Vilalba tratará esta semana sobre a concesión de achegas ás parroquias para a construción de puntos de recollida de plásticos agrícolas e que suporán o investimento de 60.000 euros.

O Concello de Vilalba realiza a recollida de plásticos polas parroquias en dúas campañas ao longo do ano que teñen lugar os meses de abril e outubro. Segundo este sistema, en cada parroquia vanse depositando os plásticos nuns sitios determinados e nunhas condicións prefixadas e un camión os recolle.

O obxectivo dos puntos de recollida é ter lugares prefixados para depositar os plásticos dos silos e que non queden á vista ofrecendo un desagradable impacto visual.

Estes lugares, que son de fácil construción, realizaranse ao pé das estradas nun espazo cercado de 15 x 12 metros e de fácil acceso para a carga e descarga por parte da maquinaria agrícola. O obxectivo do Concello é facer antes de acabe o ano nove nas parroquias máis grandes como Belesar, Goiriz, Santaballa, Román ou Carballido, xa que están listos e en funcionamento os de Insua, Alba e Codesido.

Baamonde avanzou que os nove que están proxectados estarán en marcha antes de que remate o ano xa que a súa construción é moi sinxela. O resto quedarán para o próximo ano e, como explica, nas parroquias máis pequenas e que estean próximas unhas ás outras estudarán a posibilidade de compartir punto limpo.

O alcalde lembra tamén que a intención do Concello era nun principio construír directamente os puntos de recollida pero “tropezamos coa burocracia”, indicou o alcalde, que explicou que para poder facelo tiñan que contruír en solo propiedade municipal”.

 

Etiquetas