Unha das etapas da marcha ciclista Special Olympics será entre Friol e Parga

Lugo acollerá unha das etapas da VI Edición da Marcha Ciclista Unificada de Special Olympics Galicia, que se celebrará do 4 ao 7 de outubro en 4 etapas: a primeira delas, o día 4, en Ourense; a segunda, o día 5, en Lugo (entre Friol e Parga); a terceira o día 6, en Santiago de Compostela; e a derradeira o día 7, en Vilagarcía de Arousa. 

O Goberno da Deputación colabora coas actividades de Special Olympics Galicia cunha achega de 8.000 euros, que permite a celebración desta Marcha Unificada, así como doutras iniciativas ao longo do ano como os Xogos de campo a través e petanca, os Xogos Autonómicos de Natación ou o Maratón Urbano de Viveiro.

En total, nas diferentes etapas, participarán 37 atletas con capacidades diferentes. Haberá 2 clubs ciclistas dando apoio en cada etapa, así como 20 voluntarios e 9 adestradores que velarán polo correcto desenvolvemento das mesmas. A segunda etapa celebrarase na provincia de Lugo. Ás 10:15, en Friol, terá lugar a chegada de participantes e control de firmas. A saída está prevista para as 11:00 horas, e a chegada a Parga, en Guitiriz, será sobre as 14:00 horas.

Special Olympics é unha organización internacional sen ánimo de lucro, fundada a finais dos anos sesenta, para promover a integración social das persoas con discapacidade intelectual a través do Deporte. Por sexto ano consecutivo, organizan a Marcha Ciclista Unificada que nesta edición amplía o seu percorrido, chegando a localidades das catro provincias galegas.

Deste xeito, a marcha comezará o vindeiro 4 de outubro coa primeira etapa pola localidade ourensá de Baños de Molgas (12 quilómetros); continuará o día 5 de outubro na provincia de Lugo, onde percorrerán a etapa entre Friol e Parga (19 quilómetros). O día 6 estarán en Santiago de Compostela, nunha ruta polo centro da capital galega (13 quilómetros); e, finalmente, o rematarán o 7 de outubro en Vilagarcía de Arousa (13 quilómetros).

Etiquetas