Ducias de ciclistas percorreron o tramo de Friol a Parga da etapa da Special Olympics

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, participaron este venres na VI Edición da Marcha Ciclista Unificada na que ducias de ciclistas pertencentes a colectivos de persoas con discapacidade percorreron a etapa Friol-Parga. Contou cun percorrido de aproximadamente 20 quilómetros e atravesou diferentes parroquias de ambos concellos, ademais dun pequeno treito do Camiño de Santiago, no que os participantes contemplaron a riqueza e o patrimonio do medio rural lucense.

O Goberno da Deputación colabora coas actividades de Special Olympics Galicia cunha achega de 8.000 euros, que permite a celebración desta Marcha Unificada, así como doutras iniciativas ao longo do ano como os Xogos de campo a través e petanca, os Xogos Autonómicos de Natación ou o Maratón Urbano de Viveiro.

Santos Ramos subliñou que “dende a Deputación de Lugo facemos un esforzo moi importante para que a plena inclusión e a participación cotiá na sociedade das persoas con capacidades diferentes se normalice ao máximo posible. Neste caso, facémolo colaborando con esta Marcha Unificada que terá lugar o próximo día 5 en Lugo,

Sexta edición da Marcha Ciclista

Special Olympics é unha organización internacional sen ánimo de lucro, fundada a finais dos anos sesenta, para promover a integración social das persoas con discapacidade intelectual a través do Deporte. Por sexto ano consecutivo, organizan a Marcha Ciclista Unificada que nesta edición amplía o seu percorrido, chegando a localidades das catro provincias galegas.

Deste xeito, a marcha comezou o vindeiro 4 de outubro coa primeira etapa pola localidade ourensá de Baños de Molgas (12 quilómetros); continuou o día 5 de outubro na provincia de Lugo, onde percorreron a etapa entre Friol e Parga (19 quilómetros). Mañá, día 6 estarán en Santiago de Compostela, nunha ruta polo centro da capital galega (13 quilómetros); e, finalmente, o rematarán o 7 de outubro en Vilagarcía de Arousa (13 quilómetros).

Etiquetas