Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

O BNG de Guitiriz levará a Pleno a situación da auga de traída

Por 8 Outubro, 2018Sin comentarios

O Concelleiro do BNG no Concello de Guitiriz, Xosé Lois González Souto (Pereira), presentará no vindeiro Pleno do día 11 de outubro unha serie de propostas para acadar unha solución definitiva aos problemas de traída no núcleo de Guitiriz.

“Despois de pasar un novo verán con problemas na traída, que xá cualificamos como tradición veraniega, agora vemos como dende a Alcaldía transmiten versións contraditorias do que acontece coa auga da traída, o que indica que, ou ben non saben o que está a pasar, ou ben a presión fai que fuxan cara adiante” asegura Pereira diante da información publicada nas redes sociais do Concello e da carta enviada aos veciños en agosto.

“Antes era culpa das fugas e do alto consumo deste mes, agora dinnos que a culpa é da elevada presenza de Ferro na auga en base a unhas análises que non mencionan o ferro en ningún sitio. Semella que dende a Alcaldía pensan que a cidadanía non sabe o que é a auga loda” declara Pereira.

Solicitar a limpeza dos depósitos de auga de Parga e Guitiriz este inverno, que se inicie unha investigación en profundidade para detectar o foco de contaminación que aparece nos Sete Muiños dende fai xá tres anos ou que o Concello non pase a cobro o recibos do vindeiro semestre para compensar aos veciños pola mala calidade da auga son as propostas que o BNG de Guitiriz levará a Pleno este xoves.

Asimesmo, dende o BNG de Guitiriz reclamarán o amaño da estrada que vai dende a Moscosa até Baxoi que se atopa “moi deteriorada, con moito bache, especialmente no cruce coa N-VI e ó cruzar a ponte da autovía” relata Pereira.