Skip to main content
Actualidade

A Deputación destina 1,7 millóns a un plan de emprego específico para asociacións sociais da provincia

Por 9 Outubro, 2018Sin comentarios

O presidente da Deputación Darío Campos Conde, xunto á deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, avanzou este luns a aprobación na Xunta de Goberno de hoxe dun plan de emprego específico para asociacións sociais da provincia. Leva por nome Tecendo Emprego. Está dotado de 1,7 millóns de euros. Este orzamento é para a contratación de desempregados lucenses en colectivos que traballan en prol da integración socio-laboral de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social.

Campos Conde explicou que “avanzamos no noso proxecto dunha Deputación coas persoas, sumamente social e rural, poñendo en marcha, por primeira vez na provincia, un plan que ofrece traballo de calidade a lucenses no paro e que reforce a labor profesional e especializada de asociacións sen ánimo de lucro de toda a provincia, encamiñada a mellorar a calidade de vida de veciños con maiores necesidades”.

Tecendo Emprego ofrece axudas de entre 18.000 euros e 24.000 euros para a contratación durante un ano de desempregados lucenses en colectivos sociais que conten con programas de integración socio-laboral de lucenses con capacidades diferentes, en risco de exclusión social ou en situación de vulnerabilidade. “Teceremos unha rede entre as asociacións, os seus usuarios e o mercado laboral, de aí o nome deste plan”, apuntou o Presidente.

80 novos empregos para lucenses no paro

O presuposto de 1,7 millóns permitirá a contratación duns 80 lucenses que actualmente están no paro. “Estes novos traballadores pasarán a formar parte da plantilla dos colectivos que coñecen como ninguén as necesidades dos veciños con maiores dificultades, reforzando a actividade social e profesional que desempeña o terceiro sector da provincia: o asociativo”, subliñou o Presidente.

López Izquierdo explicou que o seguinte paso é publicar na Base Nacional de Subvencións do Estado esta programación e logo no Boletín Oficial da Provincia. A previsión é que isto se resolva nun prazo máximo dun mes. Seguidamente, abrirase o prazo de solicitude das axudas económicas ás que poderán optar os colectivos sociais da provincia que conten con programas de integración socio-laboral de persoas con capacidades diferentes, en risco de exclusión social ou en situación de vulnerabilidade.