Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Moitos oficios ten Pericón, e ningún é bo

Por 10 Outubro, 2018Sin comentarios

Por Marta R. Engroba

Eu son moi “fan” do noso refraneiro tradicional, porque creo que  refricte grandes verdades coas que nos atopamos constantemente na nosa vida.

Hai un deles que, cada vez con mais frecuencia, me ven a cabeza e isto é provocado polas actuacións de certo tipo de persoas, ou creo que tal vez debería denominalos como “persoaxes”, que, teño que recoñecelo, non me inspiran ningunha simpatía e si me producen, pola contra, un profundo rexeitamento.

Vaia por diante, antes de continuar a miña reflexión, que eu teño por norma respectar a todo o mundo, así como o traballo e as actuacións de cada quen, mentras non danen a ninguén, claro está, pero, como humana que son, non podo evitar que, as veces, observando certos comportamentos, algo se me remova por dentro, e máxime se estou convencida, como creo que sucede no caso que vou relatar, si fan dano, e non pouco.

Estou a referirme a eses suxeitos que, facendo alarde, xa non de poder de ubicuidade, senón dunha sobrenatural capacidade para multiplicarse, autoeríxense como defensores ou mesmo adalides de múltiples causas, sempre e cando, que quede claro, estas sexan susceptibles de ter gancho mediático, repercusión social ou poidan ser un chanzo para acceder a traballos ou a determinados postos que, de outro xeito, estarían totalmente fora do seu alcance.

O mesmo da o que se esté a defender ou a reivindicar nun momento dado. A pouco observador que un sexa, sempre os vai ver na primeira fila, detrás da pancarta de turno, e ao carón de quen é “alguien”, como tampouco nunca faltará a súa imaxe nas fotos que mais tarde aparecerán nos medios de comunicación, e que darán cumplida información gráfica da súa “entrega” e “implicación”.

Non hai acto, concentración ou calquera “sarao” que a un se lle poida ocurir no que non estén presentes, dando a sensación de que se multiplican. Alí onde haxa unha cámara, un micrófono, estarán e se asegurarán de facerse notar, de que a súa presencia non pase desapercibida. De feito, semellan dispoñer de todo o tempo do mundo para aparecer sempre onde mais lles conveña.

Mención aparte merece, ademais, a súa habilidade para tentar acoplarse a colectivos que estén a desenrolar unha actividade real e con unha certa sona, algo moi intelixente pola súa banda, xa que se atopan co traballo feito e non teñen mais que disfrutar dos resultados e engadirse a eles con todo o descaro. Outra cousa é que cole, claro está!.

Autodefínense como activistas e altruistas, pero, a diferencia de quen realmente pode ostentar esta etiqueta con todo o orgullo e coherencia, a súa é unha carreira desenfrenada co cazo na man, tentando enchelo a costa, eso sí, dun sistema do que dín renegar.

O mais curioso é que, cando alguien comeza a detectalos e tenta, ante a dúbida, ter constancia da súa actividade, atópase que non hai tal,  que por moitas causas as que se engadan, ou, mellor dito, finxan engadirse, a súa é unha gran mentira, porque non moven un dedo por nada nin por ninguén. O único que persiguen é o seu beneficio, dando,ademais, no tempo que dura a súa mentira, porque o certo é que todo remata por evidenciarse, unha penosa imaxe do que é o verdadeiro activismo, o que se fai de corazón.

Dito doutro xeito, son persoaxes que semellan implicarse en todo, levar a cabo unha dilatada e frenética actividade desinteresada, pero que, realmente non fan absolutamente nada.

Ou sexa, como Pericón. Teñen moitos oficios,pero ningún é bo.