Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Sen traballo por mor dun libro

Por 10 Outubro, 2018Sin comentarios

Por Raúl Río

Non sei hoxe, pero lembro que na aldea, cando eu era rapaz, os que despois de rematar a escola primaria e seguíamos estudando tíñamos fama de vagos. Dicían que estudábamos porque non queriamos traballar, e teño que recoñecer que moitos dos traballos do campo non eran do meu gusto, pero tampouco creo que fora para tanto.

Xa o dicían tamén por Díaz Castro cando deixou a escola da Conchada para irse ao Seminario de Mondoñedo e porque se dedicaba a facer poesía cando ía coas vacas, pero parece que antes non so os paisanos da aldea tiñan ese concepto dos estudantes ou dos que gustamos da lectura, pois como se pode ver neste caso que me ocorreu a primeiros dos anos setenta, un día que fun buscar emprego, ao pouco tempo de chegar a Euskal Herria, e tamén aquí debían pensar o mesmo.

Daquela había mais traballo que hoxe e traballaba de eventual en contratas ou onde me cadraba, pero cando a contrata remataba a obra despedía os traballadores e había que ir buscar outro emprego a outro sitio. Así que, despois de quedarme sen traballo por este motivo, un día pola maña cedo collín un libro para ler mentres ía no autobús e no bote que cruzaba a ría do Ibaizabal pola Benedicta de Sestao, e funme buscar traballo a unha contrata que construía bloques para barcos no hoxe desaparecido estaleiro “Marítima de Axpe” das Arenas, xa que debín ler nalgún periódico que necesitaban “caldereiros” e “montadores”.

Cheguei alí e recibiume o encargado, pois daquela eran normalmente os que facían as entrevistas e a selección do persoal, sobre todo nas contratas. Díxenlle que viña polo do anuncio dos postos de traballo do periódico e el, a pesar de non ser galego, que é a quen nos colgaron o tópico de contestar así, contestoume con outra pregunta:

E vés con un libro debaixo do brazo a buscar traballo?

Eu díxenlle que si, que iso non tiña nada que ver, e que traía o libro para ler no autobús durante a viaxe; que non quería dicir nada, porque non ía ler o libro nas horas de traballo, pero a el non o debeu convencer a miña explicación e secamente contestoume: Pois aquí non hai traballo para ti. Deime a volta pensando na miña mala fada e abraiado polo que acabara de oír. Aínda que por sorte iso non fixo que decaera a miña paixón pola lectura, fíxome cavilar que, como daquela había a costume en Euskal Herria, de beber moito (o mesmo nos bares que nos postos de traballo), igual me  houbera sido mellor levar unha botella de viño que un libro.  Quezas nese caso non pensaría que era un vago e houbérame quedado co emprego.