Feministas conciencian no Basanta Silva sobre o colectivo LGTBI

A Asociación Feminista de Vilalba (AFV) vén de realizar unha charla sobre a visibilización do colectivo LGTBI para o alumnado de bacharelato do IES Santiago Basanta Silva. Nesta mesa formativa para fomentar o respecto en entornos educativos interviron Cristina Palacios, presidenta de ARELAS (Asociación de familias de menores trans); Sara Romero, activista feminista trans; Patricia Freire, educadora social e vicepresidenta de ALAS Coruña, e Carlos Emilio Mella, presidente da mesma asociación pola liberdade afectiva e sexual.

Ao longo de dúas horas as relatoras e relatores aclararon conceptos como diversidade sexual, identidade de xénero, orientación sexual ou expresión de xénero. Tamén houbo espazo para abordar desde diferentes perspectivas as situacións persoais que atravesaron e a forma de afrontalas ante a mirada atenta de alumnado e profesorado. No turno de preguntas e conclusións, “foron moitas as alumnas e alumnos que plantexaron cuestións e despexaron dúbidas a través das súas preguntas, o que nos satisface e nos fai sentir orgullo da súa valentía, a dunha xeración que está mudando moitas cousas en aras do dereito a ser das persoas, lonxe do acoso e da discriminación”.

Finalmente, o equipo directivo do centro e a AFV aseguraron que repetirán colaboración para garantir unha educación libre de machismos e de LGTBIfobia.

Etiquetas