A Deputación mellora a estrada que une Seixosmil, en Meira, con Ribeira de Piquín

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, xunto aos alcaldes de Ribeira de Piquín e Meira, Roberto Fernández Rico e Antonio de Dios, supervisaron os traballos de mellora da estrada LU-P-3005, de Couso a Vilar de Corota, que financia o Executivo Provincial con 70.000 euros. Estes fondos permitiron o arranxo dos 2,3 primeiros quilómetros da vía, correspondentes ao municipio de Meira.

Campos Conde subliñou que “esta estrada conecta a parroquia de Seixosmil, no concello de Meira, co municipio de Ribeira de Piquín, polo tanto é empregada a diario por centos de usuarios para realizar os seus desprazamentos. Con estas actuacións, dende o Goberno tratamos de mellorar a calidade de vida no rural lugués, contribuíndo a igualdade de oportunidades de todos os veciños independentemente de onde vivan”.

Pola súa parte, o alcalde de Meira subliñou que “trátase dunhas obras moi importantes, pois coa renovación desta estrada melloramos os accesos á parroquia de Seixosmil, así como a 10 núcleos do Concello de Meira, entre os que se atopan A Granda, O Marrondo, Azureira, Sevedabades, Louseira, O Piñeiro, Paderne, O Orpín, Vilar de Corota, e Corota, beneficiando directamente a máis de 150 veciños que viven nos mesmos”.

Os traballos, consistentes na limpeza de cunetas, rehabilitación do firme con aglomerado en quente, e renovación da sinalización horizontal e vertical, leváronse a cabo nos 2,3 primeiros quilómetros da vía, do punto 0 ao 2,3.

Etiquetas