Xermade remata varias obras en locais sociais no rural

Dúas asociacións de veciños de Xermade remataron as obras realizadas no rural.

En concreto, finalizou o acondicionamento do local social da Asociación de Veciños de Xaravigo, de San Pedro de Miraz, que contou cun orzamento de 12.000 euros destinado ao pintado dos paramentos interiores e exteriores, instalación de catro ventás, colocación de moble con encimera e instalación dunha porta de paso interior.

Así mesmo, cumplíronse as demandas da Asociación de Veciños Santa Eulalia de Burgás no equipamento da casa-escola de Burgás e o acondicionamento do camiño veciñal que conecta Badoi de Abaixo coa estrada provincial LU-P-2210, cun orzamento de 17.000 euros.

Ademais destas accións puntuais, Xermade destina tamén 288.000 euros para o servizo de axuda no fogar e 209.000 para obras e servizos procedentes do Fondo de Cooperación Local.

O concello conta tamén cunha serie de achegas da Xunta de Galicia do sector da agricultura e gandaría, que reciben 1,7 millóns de euros, e 450.000 máis en subvencións para a incorporación de mozos, axudas extraordinarias por inclemencias climatolóxicas e plans de mellora.

Etiquetas