Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

En Marea demanda máis medios para o CETAL

Por 25 Outubro, 2018Sin comentarios

O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, visitou as instalacións do CETAL (Centro Tecnolóxico Agroalimentar) en Lugo e mantivo un encontro coa equipa directiva e outras persoas para coñecer de primeira man o destacado traballo do Centro no eido da seguridade alimentaria, no que atinxe ao sector lácteo e outras actividades.

Asemade, explicitou o interese de En Marea por saber as necesidades de recursos, tecnoloxía, medios e personal do Centro a fin de transmitilo no Congreso en forma de iniciativas parlamentares. Neste sentido, explicou ao personal do CETAL que xa na tramitación dos Orzamentos para este exercicio 2018, “fomos moi críticos coas cativas partidas destinadas a este Centro. Unhas partidas que se reduciron a 80.000 euros e que En Marea emendou mediante a presentación de propostas na tramitación das contas do estado destinadas a aumentar a cantidade nuns 9 millóns. Petición que foi rexeitada polo anterior Goberno do PP”.

Nesta liña, Fernán Vello deixou claro que “estaremos vixiantes de cara os vindeiros Orzamentos, os de 2019, para que o CETAL sexa receptor de investimentos acaídos para levar a cabo as súas funcións contando con personal suficiente e medios axeitados”. Para o deputado de En Marea “debería incentivarse e implementarse o eido do I+D+I co cometido de poder cambiar o modelo produtivo. Os países europeos avanzados adican unha porcentaxe moito maior ao I+D+I porque o futuro está nese ámbito”.

Destacou o labor do CETAL “adicado ao sector primario, o agro gandeiro e alimentar, un sector que en Galiza e en Lugo ten un peso importante no noso sistema produtivo, caso do sector lácteo”. Fernán Vello tomou nota das necesidades do Centro a fin de poder dirixirse através de iniciativas parlamentares ao Ministerio de Agricultura, do que depende, para impulsar medidas que repercutan na súa mellora e progreso. Amosou especial interese pola situación do personal que traballa no Centro.