O Concello das Pontes publica as bases das achegas para as festas

O Concello das Pontes deu luz verde á publicación das bases reguladoras para a concesión de achegas para as festas parroquiais e de barrio do ano 2018.

A finalidade destas subvencións é favorecer a promoción e mantemento das manifestacións culturais populares que se celebran en toda a vila e que permitan a participación e goze xeral dos veciños.

As achegas están destinadas a cubrir os gastos derivados da organización de actividades culturais e de confraternidade, carteis promocionais, publicidade, actividades infantís así como o custe dos seguros de responsabilidade civil ou o aluguer das infraestruturas necesarias para o desenvolvemento da programación das festas. A súa contía será dun máximo de 1.000 € por solicitude, cun importe máximo no total das solicitudes de 12.000€.

Poderán beneficiarse destas achegas as comisións de festas en parroquias ou barrios, de carácter tradicional e contrastada continuidade que reúnan os requisitos establecidos no artigo 3 da Lei 38/2003, de 17 de novembro.

Para acceder a estas subvencións é necesario presentar a solicitude a través da sede electrónica do Concello https://sede.aspontes.com/es/index.html, cumprimentada polo persoa que actúe en nome ou representación da persoa xurídica solicitante, mediante certificado electrónico, xunto coa documentación esixida na convocatoria. O prazo será de dez días contados a partir do día seguinte ó da publicidade do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Pódese obter máis información sobre estas achegas no BOP 202, con data 23 de outubro 2018 ou na páxina web www.dicoruna.es

Etiquetas