Vilalba Aberta presenta unha serie de medidas para a loita contra o xabaril

Vilalba Aberta vén de presentar unha batería de medidas de apoio aos agricultores co fin de paliar os danos causados polo xabaril.

Neste senso, e a través dunha moción de urxencia, a formación asemblearia vén de rexistrar unha batería de medidas – a debater no vindeiro Pleno Ordinario de novembro – que teñen por obxecto “obrigar ao Alcalde a moverse” a fin de “reclamar da Xunta a posta en marcha dun plan de control do porco bravo”, así como a “inmediata apertura dunha liña de axudas polos danos ocasionados diante dos numerosos ataques nos cultivos.”

A este respecto, dende Vilalba Aberta contextualizan a urxencia do seu debate, nas continuadas denuncias veciñais e nas cada vez máis frecuentes “demandas de gandeiros e agricultores das parroquias” diante da “explosión demográfica dunha especie” que, se ben antes non supuña un problema, agora, cun monte abandonado e cunha superficie forestal pouco ou nada diversificada, “está a supor unha ameaza de primeira orde para a actividade agrícola e gandeira.”

Na mesma liña, critican que a administración teime na presión cinexética como único método para controlar a poboación do xabaril, pois – aseguran – “os datos están a evidenciar que as especies que soportan unha maior mortalidade tenden a aumentar a súa reprodución.”

Unha análise, na que profundaba o seu voceiro na corporación, o edil Modesto Renda, lembrando que “diante da presión cinexética constante, o xabaril busca refuxio en zonas próximas  casas e vías de comunicación, o que  incrementa os ataques cerca das vivendas e os continuados accidentes de tráfico nas nosas estradas.”

Neste senso, e ao tempo que criticou a “parálise máis absoluta” dun Alcalde ao que definiu de “estatua”, cualificou de “estéril” a política da Xunta argumentando que, “diante da morte de 15.000 xabarís ao ano fronte aos apenas 5.000 de hai unha década, a poboación do porco bravo non só non decrece, senón que aumenta a pasos axigantados.”

Para o concelleiro, resulta ademais intolerable que dende o ano 2016, non existan nin axudas públicas para os danos ocasionados polo xabaril nin tampouco un teléfono operativo na consellería para recoller as demandas dos afectados. “Os veciños trasládanos que cando chaman a ese teléfono non acadan resposta algunha porque, directamente ninguén contesta”, afirmou.

Neste senso a iniciativa que defenderá diante da corporación, a cal, ademais da citada apertura dunha liña de axudas, instará no seu segundo punto a que o Alcalde demande da Xunta o compromiso de poñer ao dispor dos afectados varios teléfonos a fin de recoller as reclamacións e comprobar os danos.

A posta en marcha de medidas de control que está a funcionar noutras comunidades, tales coma “a captura dos animais vivos” ou a “esterilización selectiva”, completan unha moción que dende Vilalba Aberta, agardan, “conte co apoio unánime dos grupos con representación municipal” a fin de que dunha vez por todas “o Alcalde que faga algo” diante dun problema que, conclúen, “esixe dun esforzo coordinado entre institucións”.

Etiquetas