Renovados os accesos ao barrio da Enfermería en Meira

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o alcalde de Meira, Antonio de Dios, supervisaron os traballos de mellora da estrada LU-P-3003, de Meira por Leiras á N-640, que financiou o Executivo Provincial cunha achega de máis de 20.000 euros. Estes fondos permitiron renovar preto dun quilómetro desta vía que conecta o barrio da Enfermería co núcleo urbano de Meira, ademais, tamén é a estrada que dá acceso ao Pedregal de Irimia, onde se sitúa o nacemento do río Miño.

Campos Conde subliñou que “estas actuacións enmárcanse na nosa aposta pola mellora de infraestruturas públicas no rural para que todos os lucenses teñan igualdade de oportunidades independentemente de onde vivan. Concretamente, neste barrio de Meira, no que viven máis de 60 veciños, xa levamos a cabo outros traballos como a renovación da traída de auga, a rehabilitación do firme da rúa principal ou a mellora do alumeado público, con luminarias led de baixo consumo, con fondos propios do Concello e coa axuda da Deputación”.

Os traballos levados a cabo na LU-P-3003 consistiron na limpeza de cunetas, rehabilitación do firme con aglomerado en quente, e renovación da sinalización horizontal e vertical para mellorar a seguridade vial, e comprenden os primeiros 700 metros da vía, é dicir, do punto quilométrico 0 ao 0,7.

Renovación da traída de auga

O Goberno da Deputación levou a cabo este mesmo ano a reparación da traída de auga potable do barrio da Enfermería, en Meira. Trátase dunha obra que financiou na súa totalidade o Executivo Provincial con 27.000 euros para pór fin aos cortes de auga producidos por mor da seca e polas fugas da anterior rede. As obras consistiron na reposición das válvulas e das tubaxes.

Etiquetas