Últimos días para solicitar as axudas da Deputación para contratar desempregados

Última semana para que as asociacións lucenses soliciten as axudas provinciais para contratar desempregados da provincia, a través do Tecendo Emprego. Trátase do novo e pioneiro plan laboral do Executivo na provincia polo seu destacado tinte social, que dotou de 1,7 millóns. O prazo está aberto ato o vindeiro día 9, incluído. As entidades beneficiarias recibirán axudas de entre 18.000 euros e 24.000 euros coas que asumir durante 1 ano a contratación de desempregados lucenses. Estes incorporaranse ás súas plantilla para reforzar a súa actividade social en prol da defensa de veciños con maiores necesidades.

Cada entidade poderá solicitar un máximo de 2 traballadores, a elixir entre os seguintes grupos: Nóvel, persoas menores de 35 anos sen experiencia profesional; Senior, persoas de entre 30 a 50 anos con experiencia laboral; ouVeteráns, persoas maiores de 50 anos.

A Deputación se priorizarán a contratación de lucenses menores de 35 anos e sen experiencia laboral e as de maiores de 50. Os colectivos sociais que soliciten estes perfís acadarán unha puntuación maior na valoración de solicitudes, ao igual que aqueles que opten pola contratación de lucenses con capacidades diferentes con independencia da súa idade e traxectoria profesional. Tamén acadarán máis puntos as asociacións que ofrezan contratos fixos, xornadas completas, medidas de conciliación familiar e laboral, formación…entre outras melloras laborais.

As entidades que desexen participar no Tecendo Emprego deberán facer a súa solicitude a través da sede electrónica da Deputación, na que é preciso dispor de firma dixital. Todas as comunicacións posteriores, sobre requirimentos, novos prazos ou solicitude de información, tamén se realizarán dende o taboleiro que dispón este espazo electrónico.

Tendo en conta os fondos deste plan, poderanse asumir os custos salariais duns 80 lucenses hoxe en paro. Os obxectivos de Tecendo Emprego son axudar ao 30% de lucenses que se atopan en situación de vulnerabilidade, ofrecéndolles unha oportunidade laboral; e multiplicar o resultado da actividade que levan a cabo na provincia os colectivos sociais precisamente na defensa destes veciños, dende unha Deputación coas persoas, social e rural.

Etiquetas