Skip to main content
ActualidadeVilalba

A Asociación Feminista de Vilalba anuncia diversos actos para o mes de novembro

Por 8 Novembro, 2018Sin comentarios

A Asociación Feminista de Vilalba (AFV) vén de presentar o cartel de actividades que se desenvolverán neste mes de novembro, dedicado á erradicación da violencia machista. Son un total de cinco actividades as que se levarán a cabo distribuídas nos fins de semana do mes e encamiñadas a concienciar sobre a violencia cara as mulleres como consecuencia da “desigualdade estrutural sobre a que se asenta a sociedade patriarcal”.

O primeiro dos actos dará voz á autora do libro As miñas fillas devolvéronme a vida, Inés Fernández Lamela, que relatará en primeira persoa a súa historia de maltrato este venres día 9 de novembro ás 20:30 horas na Casa de Cultura de Vilalba. Neste coloquio tamén participarán Ana Berta Pardo, directora e asesora xurídica do CIM do Concello de Vilalba, e Ana Abelleira, concelleira de igualdade no consistorio lucense.

A Biblioteca municipal acollerá a segunda actividade anunciada pola AFV para o sábado 17 de novembro, ás 20:15 horas: un cine fórum que xirará sobre o filme De tu ventana a la mía, coa visualización do mesmo e posterior debate.

Os máis pequenos tamén terán o seu espazo neste calendario, pois para o sábado 24 ás 12:00 horas está prevista unha sesión de contacontos da man da Profe Alba, mestra de dilatada experiencia, que achegará ás crianzas a partir de 4 anos a historia de Vivan las Uñas de Colores no Centro Terapéutico Mondo. Esta sesión é totalmente gratuíta, mais desde a organización indican que o aforo será limitado e que as familias interesadas deberán contactar no número de teléfono 982 511 925.

O 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres, a Asociación Feminista de Vilalba convoca unha concentración na Praza da Constitución a partires das 12:30 horas, na que terán especial protagonismo as nenas e nenos da Escola de Movemento de Vilalba a través dunha performance. A continuación, procederase á lectura dun manifesto.

Na última fin de semana de novembro, en concreto o venres 30 ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Vilalba, as feministas da localidade pecharán o seu programa de actividades cun coloquio sobre a endometriose, unha doenza ignorada das mulleres. Este relatorio correrá a cargo de Lucía Reges da asociación Querendo, mulleres con endometriose, para dar luz sobre unha doenza que afecta a unha de cada dez mulleres en idade fértil e que está totalmente invisibilizada.

Desde a Asociación Feminista de Vilalba animan á participación da veciñanza, á súa implicación para “tecer redes e loitarmos xuntas contra todas as violencias machistas, en todos os ámbitos da nosa vida”, así á concienciación sobre “todo aquelo que concirne á muller e que se atopa agochado baixo os tabús que tanto dano nos fan ás mulleres”. Así mesmo, agradecen a colaboración das participantes en cada un dos actos que se levarán a cabo “polo seu compromiso co feminismo”.