A SD Outeiro de Rei acorda a retirada do cartel da polémica e quéixase do trato do BNG

A directiva da S.D. Outeiro de Rei fixo un comunicado estes días para amosar a súa postura sobre a denuncia pública interposta polo grupo político BNG do Concello de Outeiro de Rei, en contra da exhibición dun cartel publicitario do club Ladies, no campo de fútbol municipal deste concello.

A dirección do club indicou que se puxo en contacto co anunciante e comunicouselle a situación, o cal non puxo ningún impedimento para rescindir o contrato, e acordouse retirar o cartel.

Ademais, desde o club piden desculpas “a toda persoa que se senta ofendida pola presenza do cartel”, e así mesmo deixan claro que o club “está totalmente en contra de calquera tipo de maltrato, vexación, violencia, opresión ou discriminación, en calquera ámbito da vida, tanto sexa por motivos laborais, sexuais, sociais, relixiosos ou de calquera outra natureza”.

Sen embargo, desde o club tamén amosan o seu descontento hacia este partido político do concello, xa que “en 18 tempadas que leva o club de existencia, non se pasaron polo campo de fútbol, non se preocuparon, nin colaboraron co equipo e nin sequera emitiron unha felicitación por calquera dos catro ascensos e seis copas Deputación conseguidas polo club”.

Enganden tamén que dita publicidade xa levaba catro tempadas e o club nunca recibiu notificación nin queixa. Tamén quixeron mostrar o seu malestar porque “no lugar de poñerse en contacto coa directiva do club para mostrarlles o malestar existente polo cartel, o que fixeron foi unha foto no exterior do campo para denuncialo na prensa”.

Por outra banda, din que “o único que se quixo favorecer é o deporte no municipio”, xa que tras moitos anos conseguiron crear un equipo xuvenil, o cal leva xa tres tempadas en continuo crecemento. Aseguran que o cartel foi unha importante parte da fonte de ingresos publicitarios do propio club, tendo en conta que teñen “un dos orzamentos máis baixos da categoría na que compiten”.

“A prioridade do club é e será que os nenos da contorna e arrededores que queiran xogar, e non posúan recursos económicos, poidan sumarse ao proxecto, e ademais manter o equipo de futbol cos costos que conleva, tales como desprazamentos, arbitraxes e seguros entre outros, co cal necesita imperiosamente de aportes”.

Por tal razón para aminorar a carga económica que suporía aos pais de nenos, decidiuse desde a directiva e despois de valorar varias propostas, utilizar os muros exteriores do estadio para a publicidade, “idea que contou co beneplácito do Concello e que contribuíu á creación do equipo xuvenil, e coa pretensión de seguir colaborando para a creación de novas infraestructuras deportivas”.

Desde o club agradecen o aporte económico e as facilidades prestadas, e queren dar por resolto o tema e deixar en mans do Concello a retirada do cartel.

Etiquetas