O PSOE laméntase de que a Xunta non pague o programa do Feder que permite a recollida de plásticos agrícolas

O voceiro de Gandería do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, criticou en Comisión que a Xunta teña descargado nos produtores a recollida de plásticos agrícolas ao negarse a reeditar o concurso cofinanciado coa UE caducado en novembro de 2017. Denunciou que por negarse a pagar 24.200 euros teña perdido en torno a 96.000 euros de Fondos Feder, que cubrían o 80 por cento do custe.

O responsable socialista sinalou esta mostra de desleixo do goberno galego, que agora obriga a que asuman a xestión destes residuos os produtores dos mesmos, que de acordo coa Lei de residuos son os que teñen que asegurar o tratamento adecuado, ou no seu caso dos concellos que opten por apoiar ás empresas agrarias do seu territorio.

Sinalou que a negativa do goberno galego a investir 24.200 euros obriga a concellos rurais a afrontar o procesado dos residuos que en casos como o de A Capela, un pequeno concello rural de 1.200 habitantes, 88 granxas e 2.600 cabezas de gando, ten que dedicarlle 10.000 euros para procesar 80 toneladas de residuo.

Lamentou que “esta sexa a forma na que o goberno galego entende a que foi bautizada por Feijóo como A Lexislatura do Rural”, deixando ao albur de concellos e particulares a xestión do grave problema ambiental que supón a xeración de residuos de plástico por negarse a poñer o 20 por cento dun programa cofinanciado coa UE para a recollida, transporte e valorización dos residuos de plásticos agrícolas.

Explicou que actualmente “o agro galego xera cada ano ao redor de 7.700 toneladas de plásticos, das que 4.800 son de silo, 900 de invernadoiro e 2.000 de bolsas para silo”, unha cantidade que “vai en aumento” polo incremento de, por exemplo, as forraxes para explotacións lácteas, que precisan moita forraxe, o que “significa moito silo e, en consecuencia, moito plástico”.

Etiquetas