Vilalba Aberta propón un pacto municipal para o financiamento do MUPAV

Vilalba Aberta presentou unha nova iniciativa, a debater no vindeiro Pleno Ordinario de novembro. A proposta, rexistrada e trasladada xa aos grupos con representación municipal, ten por obxecto “poñer fin á escaseza de recursos” que dende hai anos ven padecendo o Muapv, pola vía dun “grande acordo municipal” que sexa quen de superar a actual situación de dependencia que a institución ten con respecto á Asociación de Amigos do Museo.

Unha realidade, que está a obrigar aos seus responsables a delegar a meirande parte das súas actividades, e que dende a formación asemblearia exemplifican nos atrancos relativos ao intercambio científico con editoriais; no tocante á edición da revista de investigación “Férvedes”, (publicado xa o seu último número por iniciativa da devandita asociación); na imposibilidade de asumir no pasado mes de xullo a organización da cuarta edición do Congreso Internacional de Arqueoloxía (organizado tamén pola asociación e con aportes doutras administracións) ou na dificultade para a imprescindible instalación de audioguías, así coma no que ten que ver co arranxo dalgunhas das pantallas.    

É por isto que dende Vilalba Aberta chaman a escoitar as demandas do seu director, o vilalbés Eduardo Ramil, ao tempo que reivindican o necesario da “negociación dun acordo de consenso” que, a través dun regulamento específico, “blinde nunha cantidade fixa (soamente ampliable) a partida anual de fondos aportada polo Concello”. Un verdadeiro Pacto Municipal, que en palabras do seu voceiro, o edil Modesto Renda, “aseguraría o presente e o futuro da institución, desvinculando dos vaivéns políticos a un emblema que sobrevive única e exclusivamente grazas ao esforzo dos seus responsables”

A este respecto, dende a formación asemblearia fan así mesmo referencia á escaseza de espazo. Unha problemática engadida, que afecta ás salas destinadas a acoller as diferentes exposicións e que dende Vilalba Aberta consideran insuficiente en relación ás necesidades das actividades, pois, aseguran, obriga aos responsables a “andar montando e desmontando con demasiada frecuencia”. Neste senso, a iniciativa recollerá tamén unha proposta de acondicionamento do patio exterior, utilizado hai anos para diversas actividades e actualmente descartado por mor do abandono e das herbas que en gran parte o cobren.   

Na mesma liña, Vilalba Aberta urxirá ao Goberno a emendar as deficiencias en forma de filtracións de humidade. Unha – por agora – incumprida promesa da Alcaldía, que dende a formación asemblearia consideran de “absoluta prioridade” a fin de que “nin o patrimonio bibliográfico nin o arqueolóxico sufran ningún tipo de dano.

Etiquetas