Comezan os traballos na estrada de Viveiro a Cabreiros

A segunda fase das obras de reforzo do firme da estrada autonómica LU-540, entre Viveiro e Cabreiros xa comezou.

Os traballos executaranse ao longo de cinco quilómetros desta vía, coñecida como estrada da Gañidoira. Tamén está previsto actuar nos termos de Ourol, Xermade, Viveiro e Muras.

As obras iniciaranse no concello de Ourol e desenvolveranse naqueles puntos da calzada que presentan deterioro, desde o PQ 8+000 ata o PQ 37+150 en Roupar.

Destinaranse 457.700 euros a esta actuación. Segundo indican, o investimento global na mellora desta vía nos últimos dous anos supera os 1,2 millóns de euros.

Os traballos consistirán no fresado das zonas deterioradas da calzada e posterior reposición dos espesores eliminados cunha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente. Así mesmo, están previstas actuacións complementarias que consisten basicamente no repintado das marcas viarias, coa correspondente reposición da sinalización horizontal. O prazo de execución estimado será de seis meses.

Esta actuación vén a completar a realizada o ano pasado noutros puntos da LU-540 e salientou a importancia que ten a mellora do firme nunha vía que asume unha elevada intensidade de tráfico pesado e soporta condicións climatolóxicas adversas.  De feito, o novo pavimento proporcionará unha mellor adherencia pneumático-pavimento  e un maior confort na rodaxe. 

Etiquetas