Mozos do IES Díaz Castro reciben clases de igualdade

O voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos Ramos, e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, sumáronse este martes ás clases sobre igualdade que a Deputación leva a institutos da provincia coa colaboración da Asociación de Mulleres con Discapacidade (ACADAR). Xunto a eles, 33 rapaces do IES Díaz Castro escoitaron da man de Mónica Álvarez, Presidenta deste colectivo, vivencias e experiencias sobre barreiras e discriminacións que estas persoas se atopan no seu día a día.

O obxectivo destas xornadas son promover valores como a igualdade ou o respecto; amosar as capacidades diferentes de todas as persoas ou mudar a imaxe social dos veciños en situación de vulnerabilidade, entre outros.  Para elo, os rapaces tamén contan as súas opinións e experiencias. Hoxe foi a Alcaldesa a que narrou como hai máis de 20 anos, os propios alumnos do IES Díaz Castro se uniron para reclamar o funcionamento dun ascensor neste centro educativo para facilitar o acceso ás clases dun compañeiro en cadeira de rodas. Xuntos conseguírono logo de pasar varios días –coas súas noites- concentrados no pavillón deportivo tras as clases. “Os nenos de Guitiriz, foron precursores na defensa da igualdade e da inclusión social”, destacou Regina Polín.

Clase de igualdade a alumnos da provincia

Xunto aos 33 rapaces do instituto de Guitiriz, outros 18 do IES Daviña Rei de Monforte de Lemos e outros 82 do IES Lucus Agusti son os primeiros que reciben ou recibirán ao longo deste mes as clases sobre igualdade que a Deputación está a levar a institutos da provincia en colaboración con Asociación de Mulleres con Discapacidade. Son ata 10 sesións formativas, dirixida a alumnos de entre 13 e 16 anos.

Etiquetas