Friol establece unha axuda de 600 euros para cada neno nacido ou adoptado no Concello

Nacer en Friol terá premio. O alcalde, José Anxo Santos, en colaboración co seu Equipo de Goberno, está preparando as liñas básicas do que será o orzamento do ano 2019, entre as que se atopa o apoio á natalidade, habilitando, por primeira vez, unhas axudas para fixar poboación no municipio.

A poboación de Friol tivo unha evolución similar á de moitos outros municipios de Galicia. No ano 1900 contaba con máis de oito mil habitantes, cifra que foi crecendo ata o ano 1940, onde alcanzou os 10.667. A partir de entón inciouse unha curva descendente na gráfica con moita intensidade ata o ano 1981, data na que contaba con 5.724 habitantes.

Desde 1981 ata os nosos días, a caída demográfica foi constante pero moito máis lenta e a día de hoxe están empadronados uns 4.000 habitantes. Na actualidade os menores de trinta anos son 697 e os maiores de oitenta anos son 622, “o que demostra que Friol é un bo sitio para vivir”, di o alcalde.

“Nos últimos tempos desde o Concello estamos traballando na creación de tecido industrial para fixar poboación, desenvolvemento do polígono industrial, fomento do sector primario co mantemento dos accesos e coa instalación de importantes granjas, panaderías e queserías coñecidas dentro e fóra de Galicia, etc”, engade.

Segundo o Alcalde estase fomentando o emprego, a taxa de paro rexistrada no municipio de Friol é dun 5,6%, moi por baixo da media de Galicia e xa non digamos do Estado, que triplica este dato. De todos os demandantes de emprego, soamente dez persoas non tiveron nunca un emprego anterior.

Segundo José Anxo Santos, “desde o Concello pensamos que debiamos dar un paso máis e deste xeito imos incluír no orzamento do ano 2019 unha partida para conceder unha axuda de 600 euros, a todos os fillos nados ou adoptados no municipio a partir do día 1 de xaneiro, que cumpran uns requisitos mínimos establecidos na base reguladora destas axudas, que serán públicas a partir do 1 de xaneiro, por exemplo que os pais deben de ter unha antigüidade no Padrón Municipal como mínimo de dous anos e un compromiso por parte dos mesmos de que logo de percibir dita axuda, tanto os pais como os fillos deben continuar no Padrón polo menos durante dous anos máis, entre outros requisitos mínimos”, anunciou.

“No ano 2019, Friol converterase nun dos municipios de España punteiros en canto a prestar axuda á maternidade, e isto é así, porque desde o Concello, económicamente é viable, dada a boa situación económica da que goza dita institución, e tamén porque Galicia é a Comunidade Autónoma onde se destina máis diñeiro a medidas sociais. E si a iso sumámoslle a axuda municipal, aí estamos. A final de contas, o que pretendemos é poñer en marcha un mecanismo máis, que axude a fixar poboación no noso Municipio, que tanto falta fainos”, comentou o alcalde.

 

Etiquetas