O PP critica a o alcalde de Xermade por convocar un Pleno “por sorpresa”

O grupo municipal do Partido Popular en Xermade lamenta que “o alcalde convocara por sorpresa un Pleno extraordinario para a aprobación dos orzamentos municipais do 2019 sen ter celebrado previamente ningunha reunión da comisión de orzamentos ou portavoces”. O voceiro popular, Antonio Riveira, amosa o seu malestar porque “o Pleno foi convocado con só tres días de antelación polo que non tivemos opción de analizar as propostas do Goberno local nin de achegar as nosas propias”. Ademais, “a convocatoria foi realizada fóra do tempo e forma habituais causando dificultades a catro dos once concelleiros da Corporación Municipal que, finalmente, non puideron asistir”.

Con todo, foron aprobadas as contas do Concello de Xermade para o 2019 que ascenden a 1,7 millóns de euros entre os que os populares destacan “o incremento en 125.000 euros nas axudas que a Xunta concede para o Servizo de Axuda no Fogar a dependentes”. A este respecto, o voceiro do PP local subliña “o interese social da medida” que parece non entender o concelleiro delegado de Economía que “lamentaba que o Concello teña que achegar 85.000 euros”.

Sobre o capítulo de investimentos dende o Grupo Popular critican que “non se destine ningunha previsión para a adquisición de terreos para a construción da depuradora de Momán, nin se teña estudado o proxecto nin procurado axudas para a súa construción”. Así mesmo, os populares consideran insuficientes os 42.000 euros para o mantemento de viais públicos porque temen que “as obras escollidas sexan como as destes últimos anos nos que se aglomeraron espazos públicos e se asfaltou un vial en solo rústico que, en lugar de dar servizo ao rural, tanto o alcalde como dende a Deputación Provincial explicaron que servía para dar acceso ás praias da Costa de Lugo dende o norte do Concello”, indica Riveira.

O PP aproveitou para reclamar axudas á cultura e ao deporte; ademais da organización de actividades infantís. A este respecto, Riveira agarda que “este ano co campamento de verán non pase como o pasado no que quedaron fóra nenos e nenas de Xermade por falta de previsión e unha correcta xestión por parte do Goberno local”.

Igualmente, o portavoz popular lamenta que o equipo de Goberno “faga as cousas tarde, mal e arrastro” en relación á subvención nominativa de 7.941 euros para a SDC Roupar que recollen os orzamentos polo gasto que lle supón o pago do IBI trala regularización catastral”. Riveira recorda que “a bonificación desa cota debería xa estar recollida nunha ordenanza que o PP solicitou xa no 2016 cando se estaba facendo a regularización catastral”. Aínda así, os populares recollen de bo grao esta medida “porque non é de recibo que o club teña que asumir incluso un aprazamento da débeda que tivo que solicitar na Deputación precisamente por non contar cos medios suficientes para afrontar este pagamento”.

Os populares de Xermade poñen tamén en valor a proposta de investimento por parte do Concello para os proxectos non produtivos que suporán a recuperación de edificacións tradicionais na Ruta do Batán de Folgoso, en Lousada, para facer un centro de interpretación “polo que o Partido Popular de Xermade leva traballando desde fai anos”. De feito, “a Xunta, a través do GDR Terra Chá, achegará en dúas anualidades un total de 80.000 euros despois de que o Grupo Popular lle pedira ao Goberno local a través dun rogo en decembro do 2017 a solicitude deste tipo de axudas para a posta en valor de elementos etnográficos e patrimoniais”, segundo indica o voceiro municipal do PP.

Sen partida para o salario do alcalde

Segundo asegura o PP, a partida de gastos de persoal non recolle fondos para o pagamento do salario ao rexedor local que ten suspendido polo Pleno e polos tribunais de xustiza. Aínda así, “o alcalde segue sen xustificar a dedicación ao posto de traballo na administración como funcionario da Xunta de Galicia, pero vai tentar recuperar as retribucións como alcalde a través dun recurso para ter dobre retribución, incumprindo a lexislación, Xustamente polo que está castigado.”, recorda Riveira.

Ordenanza para a bonificación do ICIO

O Grupo Popular amosa o seu agrado pola aprobación dunha nova ordenanza que recolle bonificacións e deducións de ata o 95% da cota do ICIO (Imposto de construcións, instalacións e obras).

Con todo, os populares de Xermade critican que “o Concello non se adhira ao convenio “Doing Business”, como pediramos nun rogo en decembro do ano pasado, que permite aos Concellos bonificar impostos, facilitar a tramitación administrativa das licenzas e lle permite acollerse a axudas autonómicas destinadas a impulsar a industria, o emprego e o emprendemento”, indican.

En relación á tramitación administrativa de licenzas, Riveira lamenta que “as axudas perdidas este ano por varias explotacións por non ter acadado a tramitación administrativa das licenzas son, calquera delas, superiores á perda na recadación do ICIO polo Concello de Xermade en todo o ano”.

Etiquetas