A Inspección de Traballo pediralle explicacións ao Sergas por non negociar o plan de igualdade

A Inspección Provincial de Traballo da Coruña emitiu un requirimento instando o Servizo Galego de Saúde (Sergas) a presentarse o vindeiro luns, día 26, na sede da autoridade laboral pola súa negativa a negociar o plan de igualdade. A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia lembra que o dito plan é obrigatorio para as empresas de máis de 250 traballadoras e traballadores e a Administración sanitaria ten ao redor de 35.000.

En marzo do ano pasado, a Xunta de Galicia aprobou o VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades 2017-2020. Desde CCOO-Sanidade lembran que, após a súa publicación, cada departamento autonómico debía elaborar un plan de igualdade no seu ámbito.

Con ese obxectivo, o 27 de febreiro deste ano, Comisións rexistrou un escrito no Sergas no que se solicita o inicio da negociación, pero non obtivo resposta. Ante o silencio do Sergas, a Federación de Sanidade de CCOO decidiu o pasado 18 de xuño poñer os feitos en coñecemento da Inspección de Traballo, por considerar que se trataba dunha «infracción social».

O requirimento da Inspección de Traballo esixe que o Sergas presente o vindeiro luns toda a documentación relacionada co VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades 2017-2020. Na mesma comunicación, lémbrase á Administración sanitaria que a non comparecencia ou a non presentación de toda a documentación solicitada constituiría «un acto de obstrución», sancionable cunha multa de ata 6250 euros.

Etiquetas