A Virxe do Pilar de Zaragoza

Por Lucía Otero Gato

Nun artigo anterior falaba do achado do sepulcro do Apóstolo Santiago. Nesta ocasión tratarei dunha haxiografía estreitamente relacionada con este Apóstolo: a da Virxe do Pilar de Zaragoza. Esta Santiña ten a súa festividade o 12 de outubro, día no que tamén se celebra a Hispanidade —pois o 12 de outubro do ano 1492 a expedición capitaneada polo Almirante Cristovo Colón avistou terra no continente americano—.

Recordemos que, despois da morte do Salvador, o Apóstolo Santiago veu a terras españolas para difundir a palabra de Deus. Este foi un labor sumamente difícil para el posto que, por máis que predicaba, as persoas que se convertían á fe de Cristo eran moi poucas. A principios do ano 40, Santiago levaba a cabo o seu apostolado en Zaragoza. Conta a tradición que a noite do 2 de xaneiro o Apóstolo estaba especialmente desanimado polos escasos froitos da súa actividade, pero entón ocorreu un prodixio: mirou cara ao ceo e percibiu un camiño de luz. Entre os resplandores apareceu a Virxe María, sentada nun pilar (unha columna de xaspe). A Virxe pediulle a Santiago que sobre aquel pilar mandara edificar unha capela. O Apóstolo, repleto de xúbilo pola aparición, así o fixo. E esta é a orixe da advocación de María como Virxe do Pilar.

A actual Catedral-Basílica de Nosa Señora do Pilar de Zaragoza, de estilo barroco e enormes dimensións, comezou a construírse en 1681 a instancias de Xoán Xosé de Austria, Virrei de Aragón. As cúpulas do templo foron pintadas por Antonio González Velázquez, os irmáns Ramón e Francisco Bayeu e Francisco de Goya. O 3 de agosto de 1936, en plena Guerra Civil Española, lanzáronse sobre a basílica tres bombas; non obstante, milagrosamente, as bombas non estalaron. Outros milagres que se lle atribúen á Virxe do Pilar son a curación de Branca I de Navarra ou a restitución a Miguel Pellicer da perna que lle fora amputada. A devoción que os aragoneses lle mostran a esta Virxe é inmensa. Por exemplo, é habitual en Aragón que os nenos e nenas, antes de facer a Primeira Comuñón, sexan presentados á Santa, o que se denomina ‘pasar polo manto da Virxe’.

Por último, hai que dicir que a Virxe do Pilar acumula un gran número de padroados. Deste xeito, é patroa de Zaragoza desde o ano 1642. É tamén patroa da Garda Civil; de Correos e Telégrafos; do Corpo de secretarios, interventores e depositarios de administración local; da Sociedade mariolóxica; do Corpo superior de misións; e da Arma Submarina da Armada Española.