Skip to main content
Actualidade

Miro Casabella actúa este sábado en Outeiro de Rei

Por 22 Novembro, 2018Sin comentarios

Este ano que se están a cumprir os 50 anos da Nova Canción Galega, un dos seus máximos representantes, Miro Casabella, estará este sábado, día 24 de novembro, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María, repasando algunhas das composicións do seu amplo e rico cancioneiro.

Comprometido coa lingua a cultura e o país, o compositor e cantautor do Valadouro manterá previamente ao concerto unha conversa con Saleta Goi, compañeira de Manuel María, en que lembrarán feitos e actividades acontecidas naqueles anos de inicios musicais, entre outras, un concerto que se celebrou o 1 de decembro de 1968 no Cinema Capitol de Compostela e que Manuel María oficiou de presentador (aquel concerto foi a presentación “solemne” da Nova Canción Galega e nel cantaron Xerardo Xestoso, Xavier, Benedicto, Guillermo, Vicente Álvarez e Miro) ou sobre os primeiros traballos de Miro Casabella (Miro canta as súas canciós e Miro canta cantigas de escarnho e de maldizer) que saíron en Edigsa -discográfica catalá, editora da Nova Cançó- co subselo de Xistral de Manuel María.

As persoas interesadas en se achegar este sábado á Casa-Museo deben reservar a entrada, quer escribindo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal, quer chamando ao 698177621. A entrada é libre até completar o aforo.