O PSOE de Friol solicitará no Pleno unha rebaixa do IBI

A Agrupación Municipal Socialista de Friol rexistrou no Concello a convocatoria dun Pleno Extraordinario no que levarán unha proposta para que o Concello de Friol reduza o tipo impositivo para o IBI de Urbana do 0,6% actual ao 0,4%, o mínimo que establece a lei. Ademais, a iniciativa dos socialistas inclúe que esta modificación entre en vigor en xaneiro de 2019.

A Secretaria do PSOE en Friol, Ángeles Martínez, destacou que “esta é a terceira vez que levamos esta proposta ao pleno do Concello para que sexa aprobada pola corporación, pois a anterior vez o Partido Popular votou en contra de baixarlle o IBI urbano aos veciños e veciñas de Friol. Pola afán recadatorio do PP, os cidadáns levan pagando durante anos o tipo impositivo máis alto”.

Neste eido, a socialista sinalou que o Concello ven de pasar un proceso de regularización catastral que significou un importante incremento do que os veciños viñan pagando nese concepto. Ademais o Goberno Municipal, apoiado exclusivamente polo Partido do Alcalde, é dicir o PP, decidiu modificar a ordenanza reguladora do IBI urbana, de tal xeito que cando o tipo impositivo era do 0,45%, pasouse ao 0,6%.

Friol, un dos Concellos co IBI urbano máis alto da contorna
Os socialistas critican que o Concello de Friol conta cun dos tipos de gravame no IBI de urbana máis altos de toda a provincia, cun 0,6%, fronte ao de municipios limítrofes como Guitiriz, cun 0,4%; o de Outeiro de Rei, cun 0,45%; o de Begonte, cun 0,5% ou o de Guntín, cun 0,55%.

A Secretaria socialista instou ao Alcalde “a deixar de castigar aos veciños e veciñas de Friol e a ter máis sensibilidade, apoiando unha modificación que, sen dúbida, mellorará a economía das familias e aliviará o impacto do catastrazo”.

1 ano sen bonificacións polo deixamento do PP
Ángeles Martínez lembrou que foi o Grupo Socialista o que levou unha iniciativa para modificar a ordenanza e ter bonificacións dun 95% para os inmobles que desenvolven actividades agrícolas e gandeiras, “pero foi rexeitada polo PP, para un ano despois, levar a mesma proposta e apuntarse o tanto, obrigando aos cidadáns a ter que pagar máis cartos durante ese tempo polos seus intereses partidistas”.

Etiquetas