Castiñeiro Milenario celebra a Foliada de Outono o día 1

A asociación Castiñeiro Milenario de Begonte, en colaboración coa asociación de veciños do Castro celebrará o día 1 de decembro unha nova Foliada de Outono na Casa do Pobo.

Como sempre, comezará a xornada foliadeira cun tempo adicado á aprendizaxe da música tradicional. Nesta ocasión cun obradoiro de bombo que impartirá Miguel Anxo López “Chino”, recoñecido percusionista na escena da música tradicional, director da banda de gaitas Sons da Chaira e mestre na escola de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei. O obradoiro empezará ás 19:30 e terá unha duración aproximada de 90 minutos. Para socios de Castiñeiro Milenario o curso será de balde e terá un custe de 10 euros para os non asociados. É preciso apuntarse enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com ou chamando ao 616705174.

Despois do tempo de formación, haberá petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 21:30, aproximadamente. Nesta ocasión participarán Os Miñocas e os Airiños da Terra Chá. Abrirán a foliada, dirixidos por Brais Monxardín, os nenos e nenas do grupo de música tradicional da escola de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, que viñeron a chamarse Os Miñocas e despois collerán o testemuño o grupo de veteranos da mesma escola, Os Airiños da Terra Chá; para rematar por todo o alto, os marabillosos cantareiros de Trevellos que porán peche á foliada oficial. Ao remate da súa intervención, comezará a foliada aberta.

Etiquetas