Outeiro de Rei acolleu a clausura do PIE Emprégate IV

A residencia de maiores Domus VI de Outeiro de Rei acolleu a clausura do Programa Integrado de Emprego (PIE) Em-prégate IV promovido pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (Feafes). Nesta iniciativa, financiada con 204.000 euros, os alumnos e alumnas recibiron formación en novas tecnoloxías, busca de emprego, atención ao cliente e comunicación e sobre manipulación de alimentos e alérxenos. Así mesmo, a través desta actuación, os participantes recibiron charlas sobre os dereitos e deberes laborais.

O obxectivo principal dos Programas Integrados de Emprego (PIE) é incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna. De feito, unha das alumnas atopou un traballo na residencia de maiores Domus VI como recepcionista.

Na actualidade estanse poñendo en marcha en toda Galicia 48 programas integrados para apoiar a 4800 desempregados. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades e cun investimento de 11 millóns de euros, séguese apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía. Na provincia de Lugo, poranse en marcha tres programas impulsados pola Asociación de empresarios de hostalería de Lugo (Apehl), os concellos de Vilalba, Mondoñedo e Abadín e a Mancomunidade da Mariña.

Nesta convocatoria de axudas priorizouse por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais. Tamén se concederon programas integrados específicos para mulleres e se primou a aqueles proxectos nos que se implicou o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.

Etiquetas