A Deputación reparte as axudas a deportistas individuais

O Deputado de Deporte, Pablo Rivera Capón, informou que o Executivo Provincial aprobou en Xunta de Goberno 150 axudas para deportistas individuais que o Goberno da Deputación ofreceu, en réxime de concorrencia competitiva, por valor de 75.000 euros. Rivera Capón destacou que son axudas coas que “dende o Goberno recoñecemos o esforzo dos nosos deportistas, que son os mellores embaixadores que podemos ter, pois levades o nome de Lugo e da nosa provincia por todo o territorio nacional e estranxeiro”.

“Somos conscientes das dificultades que supón hoxe en día a práctica deportiva profesional, polos elevados custes de desprazamentos, inscricións en competicións ou material técnico, dificultades que se incrementan no caso dos deportes individuais, por iso quixemos estar ao voso carón e axudarvos, na medida do posible, con estas axudas”, apuntou.

En total, foron 150 deportistas individuais da provincia de Lugo os que se beneficiaron destas axudas que ofreceu o Goberno da Deputación en réxime de concorrencia competitiva, é dicir ás que puideron optar todos os lucenses interesados, e coas que premiou o esforzo competitivo introducindo novos criterios, totalmente obxectivos, para a súa concesión. As bolsas oscilan entre os 300 e os 1.500 euros.

Foron, concretamente un total de 82 homes (55%) e 68 mulleres (45%) os que recibiron axudas, premiando o esforzo competitivo dos deportistas, posto que por primeira vez, tivéronse en conta os resultados acadados en competicións internacionais, estatais, galegas e provinciais.

Distribución das axudas por modalidade
O Goberno da Deputación achegou un total de 75.000 euros dirixidos a premiar o esforzo competitivo dun total de 150 deportistas lucenses. A distribución das axudas é a seguinte:

– Atletismo: concedéronse un total de 67 axudas, por un valor total de 27.750 euros, que representan o 37 % do total.
– Tiro olímpico: concedéronse un total de 13 axudas, por un valor total de 6.700 euros, que representan o 8,9% do total.
– Piragüismo: concedéronse un total de 13 axudas, por un valor total de 5.850 euros, que representan o 7.8 do total.
– Tríatlon e péntatlon moderno: concedéronse un total de 13 axudas, por un valor total de 13.300 euros, que representan o 17.7% do total.
– Taekwondo: concedéronse un total de 11 axudas, por un valor total de 4.350 euros, que representan o 5.8% do total.
– Natación: concedéronse un total de 10 axudas, por un valor total de 4.300 euros, que representan o 5.7% do total.
– Karate: concedeuse 7 axuda, por un valor total de 3.350 euros, que representan o 4.4% do total.
– Loita: concedéronse un total de 6 axudas, por un valor total de 3.350 euros, que representan o 4.4% do total.
– Squash: concedeuse 2 axudas, por un valor total de 1.250 euros, que representan o 1.6 % do total.
– Orientación: concedéronse un total de 2 axudas, por un valor total de 800 euros, que representan 1.06% do total.
– Judo: concedeuse 1 axuda, por un valor total de 500 euros, que representan o 0.6 % do total.
– Kickboxing: concedeuse 1 axuda, por un valor total de 500 euros, que representan o 0.6 % do total.
– Xadrez: concedeuse 1 axuda, por un valor total de 300 euros, que representan o 0.4 % do total.
– Golf: concedeuse 1 axuda, por un valor total de 300 euros, que representan o 0.4 % do total.
– Deportistas federación de persoas cegas: concedéronse un total de 2 axudas, por un valor total de 1.750 euros, que representan o 2.4% do total.

Etiquetas