A San Silvestre vilalbesa será o día 30 de decembro

Vilalba volverá a celebrar a súa carreira popular de San Silvestre, pero este ano será o día 30 e que estará combinada cunha andaina.

Así, a IV Carreira Andaina San Silvestre Vilalbesa 2018 dará saída ás 16:00 na Praza da Constitución para os menores, e ás 17:00 para a carreira absoluta.

O prazo de inscrición ábrese o xoves 13 ata o 27 de decembro (ambos inclusives), podendo facer efectiva a mesma por dúas canles, online dende www.championchipnorte.com, e presencial na oficina de deportes do Concello de Vilalba.

Os prezos para a carreira de adultos será de 3 euros (prezo reducido) e de 2 euros para a andaina. A participación nas categorías menores será gratuita.

Ao remate do evento, farase entrega dos trofeos e medallas de cada categoría e poderán degustar un chocolate con churros, e todo iso animado con música para despedir o 2018.

Ademais premiarase o mellor disfraz adulto e infantil (individual e por grupos).

Na carreira absoluta, duns 5 quilómteros, poden participar todos os participantes nados no ano 2004 e anteriores. Coa finalidade de facer que o evento sexa o máis festivo posible para despedir o ano, premiaranse aqueles disfraces, traxes, complementos máis orixinais e divertidos para correr. A Andaina será de 2,5 quilometros.

As distancias que recolle o regulamento para as categorías menores son de 400 metros para a categoría A (2013), 400 metros para a B (2012-2011), 1.000 metros para a C (2010-2009-2008) e 1.600 metros para a D (2007-2006-2005). A inscrición é gratuíta en calquera caso.

 

Etiquetas