Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

O Parlamento aproba unha proposición do PSOE para poñer en marcha o transporte rural a demanda

Por 16 Decembro, 2018Sin comentarios

O Pleno do Parlamento aprobou unha proposición non de Lei do Grupo Socialista, para urxirlle á Xunta que poña en marcha de forma efectiva o servizo de transporte a demanda para os núcleos rurais dispersos de Galicia. O portavoz de Transporte, Luis Álvarez, presentou onte esta iniciativa, que foi votada e aprobada hoxe, na que advirte do escaso éxito do sistema ata o momento.

A proposta, que foi transaccionada co Grupo Popular, reclámalle á Xunta que potencie os servizos de transporte a demanda “co obxecto de garantir a mellora da mobilidade das persoas nas zonas rurais máis desatendidas”.

Álvarez explicou que entre o 22 de decembro de 2017 e finais de xullo de 2018, o servizo tan só recibiu 1.662 chamadas, sen explicar cantas delas foron realmente resoltas, cando en Castela e León no mesmo período, víronse beneficiadas por este servizo 51.000 persoas. O responsable socialista reivindicou maior interese, por parte do goberno galego, a un servizo que resulta “esencial” para unha poboación como a galega, de baixa renda e poboación dispersa.

Alertou das irregularidades detectadas na prestación deste servizo, como é que varias chamadas pedindo a parada do autobús teñan sido respondidas “culpando aos concellos da falla de prestacións cando este non está gobernando polo PP, ou ben remitindo ás empresas prestatarias para ter acceso á viaxe”.

Advertiu que os condicionantes do servizo, que obrigan ao usuario a chamar para solicitar a parada do transporte, pode derivar en que “unha persoa quede mirando como se vai o bus mentres agarda na parada por non ter chamado ou ben porque as prazas de persoas solicitantes estean cubertas”. Sinalou o “elevado descontento social” cun servizo que “só funciona durante o curso escolar, coincidindo coas liñas de transporte aos centros educativos”.

Álvarez sinalou que o goberno galego ten aprobado as liñas mestras para a renovación do mapa de liñas de autobús no Consello Galego de Transporte tan só co voto favorable dos representantes da administración e a abstención das empresas e as organizacións sindicais. Chamou ao PP a reeditar o acordo acadado no último debate do Estado da Autonomía, no que os socialistas acordaron unha transacción para reclamar un impulso a este tipo de transporte.