Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

O PSOE de Friol critica que o alcalde presuma de presupostos cando teñen o IBI urbano máis alto da contorna

Por 17 Decembro, 2018Sin comentarios

A Agrupación Municipal Socialista de Friol lamenta que o alcalde presuma dos presupostos municipais cando obriga aos veciños a pagar o IBI urbano máis alto de toda a contorna. O PSOE votou en contra dos orzamentos presentados polo goberno do PP “por non compartir a forma que ten o rexedor de financiar actuacións e servizos municipais a costa de que os cidadáns paguen máis impostos”.

Ángeles Martínez explicou que o Concello de Friol conta cun 0,6%, fronte ao de municipios limítrofes como Guitiriz, cun 0,4%; o de Outeiro de Rei, cun 0,45%; o de Begonte, cun 0,5% ou o de Guntín, cun 0,55%. Neste eido, a Secretaria socialista de Friol censurou a postura dos populares ao rexeitar por terceira vez unha proposta levada ao pleno polo PSOE na que se pedía reducir o tipo impositivo para o IBI de Urbana do 0,6% actual ao 0,4%, o mínimo que establece a lei.

“Como pode ter tanta desvergonza, o alcalde, de xogar con medias verdades, asegurando que non incrementa a presión fiscal aos veciños cando lles está cobrando un dos IBI urbanos máis altos de toda a provincia, e cando foron eles, o Partido Popular, os que decidiron modificar a ordenanza reguladora do IBI, pasando do 0,45% ao 0,6%. O seu afán recadatorio está provocando que moitas familias de Friol leven pagando un tipo impositivo desmesurado e inxusto durante anos. Os veciños están cansos de que se lles intente tomar o pelo desta maneira”.

“O seu predecesor, o seu pai político, o señor Antonio Muíña, tamén presumía de orzamentos, pero pola contra, el tiña uns impostos establecidos no Concello moito máis baixos. Debería tomar nota o Alcalde de Friol, aplicarse o conto e pensar por unha vez nas necesidades e demandas dos veciños e non nos seus intereses persoais que so benefician a uns poucos” engadiu Ángeles Martínez.