O PP denuncia que a Deputación retrasa a apertura das residencias ata xuño

O Grupo Provincial do PP denunciou a intención da Deputación de Lugo de retrasar a apertura das residencias de maiores “cando menos ata  o seguinte mandato, en xuño de 2019”. Así o demostra o feito de que veñan de licitar a contratación das prestacións a persoas maiores nos centros de atención de Trabada e Ribadeo, cuxo proceso se estenderá ata o primeiro semestre do ano próximo.

O prazo de presentación das ofertas estará aberto ata o día 7 de xaneiro de 2019, mentres que a súa apertura será o día 11 de febreiro de 2019. Tal e como recolle o anuncio de licitación publicado na plataforma de contratación do Sector Público o pasado día 4 de decembro, o valor estimado do contrato ascende a 4.711.716,1 euros e o seu prazo de execución estenderase do 20 de xuño de 2019 ao 20 de xuño de 2022.

Os populares advirten que as datas recollidas no anuncio de licitación deixan claro que as residencias de maiores da Deputación de Lugo non abrirán as súas portas este ano, pese aos anuncios feitos polo presidente de que estarían en funcionamento en 2018, “nin tan sequera no primeiro semestre do 2019”. “Unha vez máis enganan aos cidadáns, méntenlle aos nosos maiores para repetir a foto diante dunhas residencias que levan pechadas desde o 2015, data na que inauguraron a maior parte delas”.

Privatízanse os centros

Desde o Grupo Provincial do PP critican ademais que o Goberno que dirixe o socialista Darío Campos vaia privatizar o servizo como así demostra a licitación da contratación das prestacións a persoas maiores nos centros de atención de Trabada e Ribadeo que veñen de ser publicadas, pese a ter manifestado que a xestión sería pública.

O PP precisa que non se opón a este tipo de xestión, pero explica que o PSOE sempre avogou pola xestión pública e agora optan por un modelo que alonga os prazos de apertura e incrementa os custos do servizo.

A contratación inclúe servizos xeriátricos, servizos de asistencia social e servizos conexos, así como servizos de centros de día. Nos pregos de prescricións técnicas explícase que a adxudicataria contará con todo o persoal necesario, en número suficiente para garantir a prestación efectiva, tendo en conta as substitucións, descansos, permisos, licenzas, vacacións, baixas, así como as disposicións legais vixentes en materia de prestacións sociais, laboral e seguridade social, sen que o mesmo teña ningún tipo de relación ou vinculación laboral coa Deputación de Lugo.

A adxudicataria, recolle o texto do prego, ocuparase do traslado e acompañamento aos centros sanitarios e consultas hospitalarias, será responsable da limpeza e hixiene das instalacións, a recollida de residuos e dispensarán as comidas, entre outras funcións.

Etiquetas